Crece a indignación en Pontevedra contra Naturgy polos cortes de luz. Un novo apagamento deixou sen luz este xoves a máis dun milleiro de abonados en pleno centro da cidade.
Unión Fenosa Distribución, a comercializadora da compañía, confirmou que a incidencia se rexistrou ás 10.40 horas e afectou a uns 1.115 clientes.
Unha ampla zona urbana quedou sen subministración eléctrica. O fallo deixou sen electricidade a gran parte do barrio de Mollavao, Rosalía de Castro, Campolongo, María Victoria Moreno, Alameda, Raíña Vitoria, Oliva, Gutiérrez Mellado, Michelena e rúas contiguas, ocasionando grandes perdas de diñeiro a moitas das tendas.
As que se viron máis afectados foron as das galerías da Oliva, que quedaron totalmente sen luz en hora punta "hoy estropeé dos ventas porque la caja no abría", dicía indignada unha das vendedoras.
Outra das dependentas explicaba que ela vende principalmente de mañá e o corte supúxolle a perda de ao redor de 350 euros xa que as clientas que ían comprar, marcháronse sen nada pola falta de luz "y ya las cosas están bastante tirantes y si encima se va cuando hay clientes, fastidia ventas clave".
Nas cafeterías ocorre máis do mesmo, os cortes destes últimos días está a supoñer atraso no traballo, perda en mercadoría e perda de vendas que ascenden aos 60 euros por día, "hoy fue poco tiempo, pero en plenas fiestas se fue por la tarde y se fueron todos los clientes", comentaban indignados.
Nesta ocasión, as primeiras rúas en recuperar a subministración eléctrica fixérono tras máis de media hora sen luz, aínda que nalgunhas o apagamento durou mesmo máis tempo. Esta situación obrigou a numerosos comerciantes a pechar temporalmente os seus establecementos ao non poder atender aos seus clientes. "Esperas dar un servicio y te fastidia no poder antenderlos", explicaban.
Despois destes continuos apagamentos, os comerciantes móstranse impotentes e tentaron reclamar pero "vas a Fenosa y te mandan a otro sitio, vas a ese otro, y te mandan al Ayuntamiento. Nos están mareando."
LORES PIDE EXPLICACIÓNS
Ante este novo episodio, o alcalde de Pontevedra volveu a pedir explicacións á empresa para que informen "polo miúdo" sobre que está a ocorrer coa rede eléctrica de Pontevedra porque "non é un problema dá cidade", senón da propia compañía.
Miguel Anxo Fernández Lores lembrou que o Concello xa deu unha "chamada de atención" a Unión Fenosa Distribución porque estes cortes de luz "sobrepasan o que se considera normal e natural". Ambas as partes manterán proximamente unha reunión.