Integrantes de Down Pontevedra fan prácticas laborais remuneradas no centro de maiores de Campolongo

Pontevedra
10 de outubro 2023

A Xunta de Galicia achega 20.000 euros para que se poida desenvolver esta iniciativa. Unha das persoas realiza labores de camareiro-limpador e outra traballa na recepción da residencia

Usuarios de Down Pontevedra realizan prácticas na Residencia de Maiores de Campolongo Xunta de Galicia

Dúas persoas usuarias da asociación Down Pontevedra desenvolven as súas prácticas laborais remuneradas na residencia de maiores de Campolongo. Ata o centro achegábase este martes o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera para coñecer con detalle esta iniciativa.

Unha das persoas de Down Pontevedra exerce funcións de camareiro-limpador mentres que outra se ocupa de recepción. Unha vez que ambas finalicen o seu período de prácticas  está previsto que se incorporen dous novos traballadores para realizar esta fase de inserción laboral.

A Xunta de Galicia inviste 20.000 euros por cada entidade que forma parte de Down Galicia para facilitar a integración laboral das persoas integrantes da asociación. En total destínase a estas entidades para estas prácticas un total de 140.000 euros.

Establécese unha fase de prácticas de cen horas e un mes de vacacións. Estes traballadores non poderán realizar xornadas laborais que superen as tres horas diarias. Un técnico de apoio, preparador laboral, instrúe a persoa en prácticas para aprenderlle as tarefas encomendadas.