Intenta agredir á nai da súa filla tras revisarlle o teléfono móbil

Pontevedra
31 de xaneiro 2021

Os feitos producíronse na tarde do pasado venres, contra as 17:50 horas, nun domicilio situado nunha céntrica rúa da cidade. Os axentes acudiron á vivenda alertados polos veciños que escoitaron como unha muller saía pola fiestra pedindo axuda

Policía Local de Pontevedra Mónica Patxot

Un home de 51 anos foi detido pola Policía Local de Pontevedra acusado de intentar agredir á nai da súa filla despois de quitarlle o seu teléfono móbil e revisar o seu contido.

O detido, segundo informa a Policía Local, está considerado como autor dun presunto delito de violencia machista e xa pasou a disposición xudicial.

Os feitos producíronse na tarde do pasado venres, contra as 17:50 horas, nun domicilio situado nunha céntrica rúa da cidade.

Os axentes acudiron á vivenda alertados polos veciños que escoitaron como unha muller saía pola fiestra pedindo axuda.

O relato da vítima, que ten 40 anos, está recollido no atestado policial. Nel, revela que convidou a xantar ao pai da súa filla con motivo do aniversario de el.

Logo da comida, cando a vítima se atopaba tocando o piano, o suposto agresor fíxose co teléfono móbil dela, que o tiña no peto traseiro do pantalón, e encerrouse no balcón do salón.

A muller tratou de recuperar o seu teléfono sen éxito, pero minutos despois el volveu a entrar no salón e tirou o móbil ao chan, o que provocou o temor da vítima que saíu correndo cara o cuarto de baño, onde se encerrou ata que chegou a policía.

O atestado policial recolle que o detido comezou a golpear con forza a porta ata o estremo de rompela na parte superior.