O Inventario de Camiños municipais de Poio fará o urbanismo "máis accesible, transparente e útil"

Poio
11 de xullo 2025

O proxecto, realizado pola empresa Procat, recollerá a totalidade dos camiños de titularidade municipal, con completa información individualizada de cada vial e ferramentas de consulta dixital

Rocío Cochón e Fernando Gómez Arias Concello de Poio

O Concello de Poio vén de iniciar os traballos para a elaboración dun Inventario de Camiños municipais, unha ferramenta que permitirá identificar e dispoñer de información completa sobre todos os camiños de titularidade pública ubicados no termo municipal.

Anunciouno a concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, que visitou un camiño San Salvador acompañada de Fernando Gómez Arias, responsable da empresa PROCAT Ingeniería y Medioambiente, que se encargará da realización dos traballos.

Concello ten unha alta densidade de camiños que nalgúns casos son municipais, privados, están suxeitos a unha servidume... "polo que ter unha información completa supón máis seguridade xurídica, mellores decisións e xestión máis eficiente", destacou a conselleira.

Os traballos dispoñen dun orzamento de 7.500 euros e teñen un prazo máximo de finalización de 10 meses.

Desde Urbanismo destacan que o inventario será "de gran utilidade" tanto para os técnicos e responsables municipais como para profesionais e particulares.

"Un camiño público pode ser a diferenza entre poder construír nunha parcela ou non, entre poder dar un servizo e non ter esa posibilidade", explicou Cochón, para quen esta ferramenta suporá avanzar no obxectivo de "facer que Poio sexa o mellor lugar para vivir e para investir".

O inventario recollerá información completa sobre a totalidade da rede de camiños de titularidade municipal, cun sistema dixitalizado e compatible con formatos GIS, que facilitará tanto a xestión municipal como a consulta cidadá.

O documento final incluirá a ficha individualizada de cada camiño —con fotografías, planos, coordenadas xeográficas e información legal asociada— e estará a disposición da veciñanza de forma accesible con ferramentas de última xeración. Trátase dun documento público, que será aprobado en Pleno, e que permitirá ao Concello certificar a titularidade municipal e protexer estes bens fronte a usos indebidos ou apropiacións.

O inventario tamén posibilitará a consulta inmediata da información e a xeración de informes técnicos, documentación en PDF, exportación de datos ou impresión de planos. Ademais, contará con funcionalidades avanzadas como o cruzamento de datos, xeorreferenciación, acceso a arquivos históricos e filtros de busca, nun formato intuitivo e accesible desde dispositivos dixitais.

"URBANISMO ÚTIL E TRANSPARENTE"

A elaboración do Inventario de Camiños enlaza directamente coa estratexia marcada polo goberno local de "modernizar e facer máis accesible un área complexa como o urbanismo".

Cochón destacou iniciativas como o Visor Urbanístico do PXOM, que desde hai meses xa permite a moitísimos particulares, autónomos, empresarios... consultar as condicións e posibilidades de cada parcela dentro do termo municipal, "desfrutando de transparencia nun área tan complexa".