Jorge Cubela denuncia que un poste eléctrico bloquea a rotonda oeste de Cerdedo desde hai sete meses

Cerdedo Cotobade
13 de xullo 2019

O alcalde de Cerdedo-Cotobade anunciou que vai esixir á empresa de distribución eléctrica Unión Fenosa -agora Naturgy- que acometa de inmediato a súa retirada 

Poste que bloquea a rotonda oeste de Cerdedo Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, denunciou este sábado que un poste eléctrico ten bloqueada dende hai sete meses a construción da rotonda oeste de Cerdedo na estrada N-541 e anunciou que vai esixir á empresa de distribución eléctrica Unión Fenosa -agora Naturgy- que acometa de inmediato a súa retirada.

O poste está situado na saída oeste da localidade de Cerdedo e atópase no medio das obras de construción da rotonda da N-541 en dirección a Pontevedra, de maneira que está a impedir a execución dos traballos.

Cubela considera "inadmisible" que as obras leven sete meses paradas pola "deixadez" de Naturgy e denuncia a súa "nula vontade" para cambialo, que está a impedir que o Ministerio de Fomento poida retomar e rematar a construción desta glorieta. 

O alcalde tamén lamenta que Fomento, titular da vía e responsable da obra, "non faga nada". "Parece como se non lle importara acometela ou non cando se trata dun proxecto seu", mantén o rexedor. 

En declaracións realizadas este sábado, Cubela insistiu en que o Concello de Cerdedo-Cotobade "foi moi paciente e comprensivo á hora de aceptar certos atrasos", pero que chega un momento en que hai que ser contundente na defensa dos intereses dos veciños e dos usuarios da vía, e tamén en aras da súa seguridade. 

Ademais, lembrou que o pasado verán o Concello xa axilizou a consecución da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para trasladar un hórreo protexido afectado por esta mesma obra para poder retomar os traballos. Despois daquilo, a obra retomouse en setembro e continuou ata decembro. Nese momento, parou, ao chegar á zona do poste en cuestión.