Lores, sobre a Rúa do Santo: "Se Adif nos dá autorización, o Concello resolverá o problema"

Pontevedra
11 de febreiro 2026

Esa solución, segundo o alcalde, pasaría principalmente por instalar unha nova canalización, cun trazado máis recto e de maior diámetro que a que atravesa actualmente esta Rúa do Santo

Inundación na Rúa do Santo Asociación vecinal Estriceres

Entre o eixo e a roda. Así están os residentes na Rúa do Santo. As continuas inundacións que sofren colmaron a súa paciencia. Pero a posible solución aos seus problemas chocou coa burocracia, tanto administrativa como xudicial.

Resolver ese problema "non só depende de nós", sostivo este mércores o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xa que lembrou que toda esa zona está afectada pola sentenza do Tribunal Supremo sobre o tren ao porto de Marín.

Ese fallo, segundo o alcalde, "impide" que o goberno municipal poida actuar sobre esa zona, porque calquera obra "entraría en contradición" coa execución desa medida, que propón suprimir os pasos a nivel e crear uns pasos soterrados para coches e peóns.

A pesar de que se trata dun asunto "que ninguén quere", recoñeceu Fernández Lores, trátase dun hándicap para que o Concello poida abordar unha actuación, orzada nuns 200.000 euros, que xa conta cun anteproxecto redactado.

Esa solución pasaría principalmente por instalar unha nova canalización, cun trazado máis recto e de maior diámetro que a que atravesa actualmente esta Rúa do Santo.

"Isto non está resolto por culpa desa sentenza", insistiu o rexedor pontevedrés, que defendeu que no Concello "sabemos como resolver as inundacións e estamos dispostos a resolvelas". Pero, para iso, necesitan a autorización do administrador ferroviario, o Adif.

Lores indicou que "hai contactos" cos seus responsables, pero subliñou que até ese permiso chegue, xunto co de Augas de Galicia, o Concello ten as mans atadas.

Na medida que lles autoricen a actuar na zona, incidiu o alcalde de Pontevedra, "resolveriamos o problema case inmediatamente", xa que o goberno municipal estaría mesmo disposto a financiar esta obra con fondos propios.

"Comprendemos que os veciños estean cabreados", afirmou Fernández Lores, que mostrou o seu compromiso a actuar na zona se o Concello recibe os permisos necesarios.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora