Este domingo, Vilaboa converterase nun auténtico espectáculo de cores, música e tradición coa presentación polas parroquias do Entroido de Cobres, unha celebración centenaria que cada ano fai do municipio un escenario único de emoción colectiva.
A cita chega nun momento especialmente simbólico, despois de que o pasado ano as madamas e galáns do entroido traspasaron por primeira vez as fronteiras da península ibérica para participar no Festival Identidades de Fonni, en Cerdeña.
Alí levaron consigo a estética, o simbolismo e a delicadeza dunha das festas máis singulares de Galicia, abrindo así a porta á proxección internacional desta tradición. Todo apunta a que 2026 continuará ampliando horizontes.
As súas danzas e melodías, únicas entre os entroidos tradicionais, levaron á comitiva por unha intensa axenda de promoción cultural que os levou ata Oropesa del Mar, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, o Desfile da Máscara Ibérica en Oporto, o encontro dos Xerais do Ulla en Angrois, a Foliada Eferro en Merza, o Desfile de Entroidos Tradicionais en Santiago e o I Encontro de Entroidos do Sur de Pontevedra en Bueu.
Cada parada foi unha oportunidade para reafirmar o valor patrimonial dun entroido que combina estética refinada, coreografía propia e unha identidade colectiva profundamente arraigada na memoria da veciñanza.
Co bagaxe destas experiencias, o regreso ás parroquias de Vilaboa adquire un carácter de festa e recoñecemento.
Este domingo, a comitiva percorrerá o municipio co seguinte horario: ás 11:00 horas na Capela de Santa Marta de Bértola, ás 12:00 na Casa da Cultura de Figueirido, e ás 13:00 no Campo da festa de Postemirón. Xa pola tarde, o desfile continuará ás 16:00 na Carretera Vella de Paredes e finalizará ás 17:00 nas Salinas do Ulló.
Será un encontro directo coa xente, unha oportunidade para compartir ilusión e anunciar que o Entroido xa está aquí. Pero, sobre todo, un recordatorio de que esta tradición vive grazas ao compromiso das familias, das agrupacións culturais e de todas as persoas que manteñen viva unha das xoias do patrimonio inmaterial galego.