Máis de 40 exemplares de cetáceos varados a finais de decembro na Ría de Arousa

O Salnés
03 de xaneiro 2024

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), única entidade autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia, indica que este aumento de varamentos vén marcado polos movementos dos animais e os temporais que provocan a aparición de moitos corpos na costa. Indican que o cambio de tendencia atópase no alto incremento de golfiños comúns moi preto da costa no verán

Golfiño varado na praia CEMMA

714 exemplares de todas as especies mariñas apareceron varados na costa en Galicia durante 2023. A maioría son cetáceos (86%); e tamén se contabilizaron tartarugas mariñas (3,5%); lobos mariños (1,7%); londras (1,4%) e peces (7,1%).

A cifra supón un incremento espectacular en comparación a calquera ano anterior. Supón o dobre da media anual que se situaba nos 270 exemplares.

Os datos proceden da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos mariños (CEMMA), única entidade autorizada para participar na Rede de Varamentos de Galicia ao tratar con especies que se atopan protexidas e manter unha atención permanente dos avisos de varamentoes para casos de asistencia inmediata.

Concellos como Sanxenxo e O Grove superaron os 20 exemplares varados. Na maioría dos casos trátase de golfiños comúns, Delphinus delphis, alcanzando o 63%, cun aumento tamén da presenza desta especie nas praias respecto a outros anos. 

En segundo lugar atópanse os arroaces, Tursiops truncatus, que tamén duplicou a media anual dos anos precedentes. Con todo, desde o CEMMA sinalan que outras especies non apareceron varados en 2023 como é o caso do Grampus griseus ou a Globicephala melas.

Destacan, pola contra, a alta presenza de cifios, algúns deles mortos pola inxesta de plásticos; e outras presenzas raras nas costas galegas como o golfiño pinto, Lagenorhynchus acutus.

En xeral, a maioría de cetáceos que apareceron varados atopábanse mortos e moitos en estado xa de descomposición, circunstancia que evita ter datos sobre a causa do falecemento. 46 exemplares vivos foron reintroducidos no mar e, na súa maioría, lograron sobrevivir.

Más do 40% das especies presentaban indicios de morte por captura accidental en faenas de pesca e tamén foron entregados á Rede de Varamentos para sometelos a estudo.

MÁIS DE 40 EXEMPLARES EN 15 DÍAS

A presenza durante os últimos días de máis de 40 exemplares varados na contorna da Ría de Arousa, nun prazo de apenas dúas semanas, para CEMMA enmárcase no movemento dos animais e nos temporais rexistrados na costa. Indican que sendo "grave" non cambia a tendencia dos varamentos do ano.

Si destacan o cambio de tendencia detectado no alto aumento de presenza de golfiños comúns moi preto da costa durante os meses de verán e que finalmente provocaron que moitos exemplares apareceran varados.

Para contactar con CEMMA ante a presenza dalgún exemplar hai un número activo 24 horas: 686 98 90 08 e tamén pode facerse conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.