Máis seguridade no acceso aos centros educativos de Sanxenxo

Sanxenxo
08 de setembro 2017

Os colexios de Sanxenxo puxéronse a punto para o inicio de curso con diferentes obras e actuacións, como a mellora da sinalización horizontal nos accesos dos centros para mellorar a seguridade viaria 

Vista exterior da cuberta do colexio Telleiro
Vista exterior da cuberta do colexio Telleiro / Concello de Sanxenxo

Os colexios de Sanxenxo puxéronse a punto para o inicio de curso con diferentes obras e actuacións.

Así por exemplo durante o mes de agosto procedeuse a mellorar a sinalización horizontal nos accesos aos centros educativos co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, con actuacións como o repintado de pasos de peóns e zonas de aparcadoiro para autobuses escolares ou coa ampliación das sendas peonís.

Ademais no CEIP Telleiro de Noalla implantouse xa o sentido único permanente na vía municipal diante do centro, no tramo que vai desde o campo de fútbol ata a intersección coa EP-9208.

Para unha segunda fase do plan de seguridade viaria queda implantar o sentido único permanente, non só en horario de entrada e saída do colexio, nos centros que o solicitaron, como o Cruceiro e o Abrente.

Por outra banda persoal municipal e os propio conserxes dos centros educativos realizaron traballos de mellora como o pintado de aulas ou pequenas obras de albañilería e fontanería. 

A actuación nos colexios de Sanxenxo completouse coa achega municipal de 60.182 euros para realizar actuacións pendentes como a reforma de baños e reposición de persianas no colexio de Portonovo, a ampliación do comedor do colexio a Florida, a creación dun comedor no colexio Telleiro e a limpeza de canlóns nos colexios Telleiro e Cruceiro. 

Paralelamente están a finalizar as obras do comedor do colexio Magaláns de Dorrón e ademais a concellería de Educación solicitou á Deputación o financiamento para a construción dunha pista polideportiva cuberta no colexio de Nantes.