Máis seguridade viaria para o ámbito do colexio Vilaverde

Pontevedra
19 de febreiro 2018

Case 159.000 euros. É o diñeiro que o Concello de Pontevedra destinará a unha actuación que pretende mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade na contorna do colexio Vilaverde, en Mourente. O expediente de contratación foi aprobado pola Xunta de Goberno

Colexio Vilaverde, en Mourente Xunta de Galicia

Case 159.000 euros. É o diñeiro que o Concello de Pontevedra destinará a unha actuación que pretende mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade na contorna do colexio Vilaverde, en Mourente. O expediente de contratación foi aprobado pola Xunta de Goberno.

As obras, unha vez sexan adxudicadas, terán un prazo de execución de catro meses.

Segundo explicou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, este proxecto supoñerá fundamentalmente medidas de acougado de tráfico. Así, habilitarase unha plataforma única en toda esta zona, desde o viario que parte da gasolineira da Avenida de Lugo.

Ademais, xunto a nova sinalización horizontal e vertical asfaltarase de novo todo o viario, gañaranse sobreanchos ao longo de todo o acceso e instalaranse varios lombos.

Esta actuación está deseñada, engadiu o portavoz municipal, para garantir a seguridade dos nenos que acoden a este centro educativo, o segundo en número de alumnos de todo o municipio, só superado polo colexio de Campolongo.

A Xunta de Goberno, por outra banda, tamén acordou licitar a reforma das canalizacións e pluviais do camiño de acceso a O Castelo (Lérez), desde a Porta do Sol. Investiranse 226.409 euros e as obras deberán realizarse nun prazo de tres meses.

Tamén se autorizou a firma do convenio coa Deputación de Pontevedra, que se rubricará o vindeiro venres, para a construción dos novos campos de fútbol de Campañó e Ponte Sampaio, valorados conxuntamente en 2,4 millóns de euros e que financiará integramente a administración provincial.