Marea deixa fóra das primarias ao futuro número 2 da lista que encabezará Luis Rei

Pontevedra
17 de outubro 2018

Marea toma esta decisión, sinalan desde o partido, pola relevancia destas eleccións, a necesidade de abrir un maior espazo político e electoral e competir pola alcaldía da cidade. Con estas primarias elixiranse ás persoas que ocuparán os postos do 3 ao 10 da lista electoral

Peque González e Luís Rei, de Marea Pontevedra Mónica Patxot

Xa están en marcha as primarias organizadas por Marea Pontevedra para avanzar na confección da candidatura coa que se presentará ás eleccións municipais de 2019. E, nesta ocasión, chega con novidades.

O partido asegura que con estas primarias elixiranse ás persoas que ocuparán os postos do 3 ao 10 da lista electoral. Todos os interesados en participar neste proceso deberán presentar a súa candidatura antes do próximo 24 de outubro.

Pero a asemblea xeral de Marea determinou que o posto número 2 da candidatura que encabezará Luis Rei sexa ocupado por unha persoa de relevancia política e social que no seu momento someterase a ratificación dos inscritos na formación.

Marea toma esta decisión, sinalan desde o partido, pola relevancia destas eleccións, a necesidade de abrir un maior espazo político e electoral e competir pola alcaldía da cidade.

O resto da lista (do posto 11 ao 25) así como os suplentes será aprobada, a proposta da coordinadora xeral, nunha asemblea posterior a este proceso de primarias atendendo a criterios de idoneidade, xénero, idade e representación social e parroquial.

As votacións, que terán o equilibro de xénero como única corrección, iniciaranse o domingo 28 de outubro pola vía electrónica. A xornada electoral de votación en urna será tres días despois, o mércores 31.