Unha marea de nenos tomou a Zona Monumental para despedir o curso escolar

Pontevedra
20 de xuño 2026

O centro histórico de Pontevedra despediu o curso ao grande con xogos, talleres e unha multitudinaria festa da espuma

Fiesta de la espuma

A chegada das vacacións de verán xa se vive en Pontevedra. E boa proba diso foi a animada Festa de Fin de Curso organizada este venres polo Centro Comercial Urbano (CCU) Zona Monumental, que converteu as rúas e prazas do centro histórico nun gran espazo de diversión para nenos e nenas de todas as idades.

Desde primeira hora da tarde, centos de familias percorreron os distintos recunchos da Zona Monumental para participar nas numerosas actividades programadas.

Entre as 16.30 e as 20.30 horas, a cidade encheuse de creatividade, música, xogos e moitas ganas de celebrar o final das clases.

A Praza Valentín García Escudero acolleu un concorrido taller de elaboración de mandiles, mentres que a Praza Méndez Núñez converteuse nun dos puntos máis animados grazas ás sesións de contacontos, as propostas musicais, o pintacaras e a bebeteca para os máis pequenos.

Tampouco faltou a creatividade na rúa César Boente, onde os participantes deseñaron os seus propios chaveiros, nin a actividade física na rúa Serra, que rexistrou unha gran afluencia de nenos e nenas gozando dos inchables adaptados a diferentes idades.

Pola súa banda, a Praza de Curros Enríquez reuniu aos máis aventureiros no rocódromo e aos máis artistas na actividade de grafiti.

Con todo, o momento máis esperado da xornada chegou ás 19.30 horas. A Praza da Pedreira volveu encherse de risas, carreiras e mergullos improvisados coa xa tradicional Festa da Espuma, que puxo o broche de ouro a unha tarde marcada polo ambiente festivo e familiar.

Como vén sendo habitual, esta foi unha das actividades máis concorridas e celebradas polos asistentes.

A participación en todas as propostas foi gratuíta, aínda que para acceder a elas era necesario presentar un ticket de compra realizado nalgún dos establecementos asociados ao CCU Zona Monumental, unha fórmula coa que a entidade busca agradecer a fidelidade das familias e seguir impulsando o comercio local.