Marín, Barro e Ribadumia benefícianse das novas liñas do Plan Concellos

Barro
10 de marzo 2021

Para Marín aprobouse unha axuda destinada á rehabilitación superficial de pavimentos de camiños rurais; Barro terá financiamento para a mellora da seguridade dun viario mediante a construción dun muro de contención; e Ribadumia beneficiarase da axuda para a contratación de traballadores

Actuación na contorna do colexio de Seixo (arquivo) Concello de Marín

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas no marco do Plan Concellos por valor de case un millón de euros, das que se beneficiarán un total de seis concellos.

Tres municipios serán os receptores da liña 1 destinada a investimentos en infraestruturas: Marín, Barro e Salceda de Caselas.

No caso de Marín, aprobouse unha axuda de 228.362 euros destinados á rehabilitación superficial de pavimentos de camiños rurais; Barro recibirá 21.510 euros para a mellora da seguridade dun viario mediante a construción dun muro de contención; e Salceda contará con 25.625 euros para habilitar aseos adaptados no mercado de abastos.

Outros tres concellos beneficiaranse da liña 3 de fomento do emprego por parte da Deputación, que destinará un total de 722.122 euros para a contratación de 64 traballadores en Ribadumia, A Estrada e Moaña.

Con estas axudas, xa son 48 concellos os que teñen aprobada a liña 3 para poder financiar a contratación de 741 persoas, cun investimento do organismo provincial de 7,8 millóns de euros.

ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra tamén aprobou novos convenios para que nove entidades locais poidan seguir dispoñendo do servizo de administración electrónica para atender á cidadanía e favorecer a relación entre diversos organismos.

O convenio para manter o servizo de atención electrónica subscribiuse cos concellos de Cuntis, Meis, O Grove, Fornelos, Tomiño, Covelo, Lalín e Baiona, ademáis da Mancomunidade do Salnés.