As festas do Carmen seguen enchendo de actividades Marín durante os días previos á festividade local do 16 de xullo e demostrando que a vila vive a festa ao grande, de día e de noite e con implicación de persoas de todas as idades.
Este xoves celebráronse na Alameda Rosalía de Castro as primeiras actividades infantís da programación. En concreto, realizouse unha actividade de dinamización lingüística a cargo de Xoán Curiel e Charo Pita, 'Canta miña pedra canta'. Trátase dunha homenaxe a Antonio Fraguas, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, ao que asistiron os menores que están a asistir ao campamento de conciliación do Concello. Todos os asistentes levaron de agasallo o libro 'O fillo do rei'.
Para este venres, Tarabelos levará Marín o seu espectáculo 'Amoriños contei', o sábado será a quenda do Mago Noel co seu espectáculo 'Que curioso', o domingo será o momento do Mago Paco e o seu espectáculo 'Ledicias' e o luns volverá o Mago Noel.
Na noite do mércores, Marín encheuse de espectadores que non se quixeron perder a actuación da orquestra Combo Dominicano. Aínda que o inicio atrasouse máis dunha hora porque se estragou un xerador que tivo que ser reposto, o éxito foi total, cun público incondicional que aguantou ata o final.
A actuación prolongouse durante máis de catro horas repartidas en dous pases. O público, de todas as idades pero fundamentalmente novo, implicouse ao máximo cantando e bailando ao son da orquestra.