Marín restaura o lavadoiro Río de Casás

Marín
30 de xuño 2020

A súa revalorización vén da man doutros esforzos que está a realizar o Concello como foi a renovación de toda a sinalización dos lavadoiros da vila. Ademais, o Concello traballa na creación dunha páxina web específica para os lavadoiros

Lavadoiro Río de Casás Concello de Marín

Cunha nova cuberta e cun entorno acondicionado para mellorar o seu aspecto xeral. Así é a nova imaxe do lavadoiro Río de Casás, que vén de ser rehabilitado polo Concello de Marín.

O edil de Medio Rural, Pablo Novas, explicou que o cambio da cuberta estivo motivado polo forte impacto visual que tiña a anterior, xa que os materiais empregados na súa construción non permitían unha boa integración paisaxística.

Agora, este conxunto etnográfico "está moito máis integrado" e adecuado ao espazo no que se asenta, engadiu o responsable do rural no goberno municipal.

A súa revalorización vén da man doutros esforzos que está a realizar o Concello como foi a renovación de toda a sinalización dos lavadoiros da vila.

Ademais, o Concello traballa na creación dunha páxina web específica para os lavadoiros, con fotos de cada un deles e unha explicación detallada da súa orixe ou da súa localización.

ROZAS NO RURAL

Mentres tanto, continúan os traballos de roza das parroquias do rural, a través dos operarios da Asociación Juan XXIII.

Durante o mes de xullo vaise a actuar nos lugares de Resille, Lameiro, Cabodevila, O Pazo, Igrexario de Ardán, Picotes, Malvido, Vilaseca, Xuncal, Xermade, O Con, Bexa, Soaxe, A Brea, Castro, Porteliña, Cidrás, Aniñada, Sequelo, Sete Espadas, Cruceiro do Vento, Outeiro, Igrexario de Mogor e Bagüín.

No que respecta ao tractor rozador que apoia o traballo manual de Juan XXIII, está finalizando os 80 quilómetros de vías e estradas municipais. Nestes momentos está coas subidas ao Lago Castiñeiras.