O Concello de Marín anunciou este venres os primeiros nomes dunha programación festiva que se estenderá durante os próximos meses e que incluirá festivais, concertos e actuacións das principais orquestras do panorama galego, nunha oferta pensada para todos os públicos.
A primeira gran cita chegará o 10 de xullo co Marín Dance Festival, que converterá o Parque Eguren nunha pista de baile ao aire libre. O cartel estará encabezado por dous nomes de referencia da música electrónica e urbana: o produtor e DJ español José de Rico e o galego Kike Varela DJ.
José de Rico, autor de éxitos que marcaron toda unha xeración como "Rayos de Sol" ou "Noche de Estrellas", é unha das figuras máis recoñecidas do electro latino en España. Ao seu lado estará Kike Varela, un dos artistas galegos con maior proxección internacional dos últimos anos. O DJ e produtor acadou unha enorme repercusión con temas como "Meigallo" e coa súa particular revisión da "Muiñeira de Chantada". O seu éxito "Micaela" chegou incluso ao segundo posto do Top 100 Viral de Spotify.
As tradicionais Festas do Carme volverán reunir algunhas das formacións máis destacadas do panorama orquestral galego. A Praza de España será o escenario dunha semana intensa de música en directo que arrancará o 11 de xullo coa actuación de Arizona.
Ese mesmo 11 de xullo actuará Lérica o dúo integrado polos gaditanos Tony Mateo e Juan Carlos Arauzo que farán bailar a Marín coa súa mestura de pop urbano e flamenco moderno.
A programación continuará con Panorama o día 12, Olympus o 13, París de Noia o 14, Marbella o 15, Player’s o 16 e Triunfo o 17, coincidindo coas festas de Seixo. O Concello avanzou que nas próximas semanas dará a coñecer o programa completo das celebracións, que incluirá actividades para todos os públicos.
Outro dos momentos destacados do verán chegará coa Festa Corsaria. O programa autonómico Orballo Cultural traerá a Marín un dobre concerto o 14 de agosto protagonizado por De Ninghures e Ortiga, dous dos proxectos musicais máis singulares e aplaudidos da escena galega actual.
De Ninghures consolidouse nos últimos anos como unha das bandas revelación do país grazas á súa mestura de tradición e modernidade, unha fórmula que atopou no seu disco "Feira" a súa máxima expresión. Pola súa banda, Ortiga continúa a reivindicar o seu particular universo de verbena electrolatina, agora acompañado por unha banda e cun novo traballo discográfico, "Obra Social", cargado de ritmo e identidade propia.
Os concertos servirán como antesala da gran xornada corsaria do 15 de agosto, que volverá transformar as rúas de Marín cun amplo programa de actividades, espectáculos e animación.
A programación musical pechará agosto coa actuación dunha das grandes sensacións da música urbana galega. LG1DO actuará o 28 de agosto no marco do Mambo Festival, un evento que aínda reserva máis nomes por anunciar.
O artista santiagués converteuse nun auténtico fenómeno entre o público máis novo grazas a un ascenso meteórico e a colaboracións con artistas como Guzmen ou 9Louro. A súa presenza en Marín será unha das citas máis esperadas dun verán que promete estar marcado pola diversidade musical.
Desde o goberno local destacan que a programación busca ofrecer propostas para diferentes gustos e xeracións, combinando artistas consolidados, talentos emerxentes e formacións que están a vivir un momento especialmente doce nas súas carreiras.
A oferta cultural do verán marinense continuará medrando nas próximas semanas coa presentación de novas actividades e ciclos culturais. Entre os anuncios pendentes figura tamén o cartel oficial das Festas do Carme, que volverá levar a sinatura dun ilustrador galego, reforzando así a aposta do Concello pola creación artística do país.