Varias decenas de profesionais veterinarios concentráronse na mañá deste xoves ás portas da Subdelegación do Goberno en Pontevedra dentro das súas medidas de protesta para trasladar o malestar da profesión coas decisións adoptadas desde a Administración, "tanto por acción como por omisión", nos últimos anos.
Chegaron pouco despois do nove da mañá e non recolleron as súas pancartas até case dúas horas despois. "A saúde das mascotas non é un luxo, non ao 21% de IVE" e "O meu criterio clínico non se sanciona. Somos sanitarios, non burócratas" son algunhas das mensaxes que quixeron deixar claras na protesta.
Esta concentración na rúa celebrouse en paralelo a unha reunión celebrada no interior do edificio entre varios representantes da profesión en Galicia e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, na que quixeron "mostrar o rexeitamento do colectivo veterinario ao trato da Administración". A continuación, presentaron por rexistro un escrito dirixido ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Luís Núñez Desiré, presidente do Colexio de Veterinarios de Pontevedra e presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios de Galicia, explicou que "a pinga que veu a colmar o vaso" foi a entrada en vigor do Real Decreto 666/2023, que regula a distribución, prescrición e uso de medicamentos veterinarios e a obriga a declarar os antibióticos prescritos en animais de compañía á base de datos PRESVET.
Falan de "distintos agravios comparativos" con respecto a outros profesionais sanitarios a nivel estatal e da UE e, como exemplos, citan unha das súas reivindicacións máis antigas, a aplicación do IVE super reducido, pois a pesar de ser unha profesión sanitaria, na actualidade, o seu tipo impostivo é do 21%.
Respecto diso, insisten en que o seu recoñecemento como condición de sanitarios "vén en todas as leis, pero, a efectos prácticos, non se recoñece". Lembran que no ano 2012 o IVE para os establecementos veterinarios de animais de compañía subiu 13 puntos, do 8 ao 21%, e esixen que volva baixar.
Lembran ao Goberno, neste sentido, que "o coidado das mascotas non pode ser un artigo de luxo". Luís Núñez insiste en que "o 70% das enfermidades que aparecen nos humanos son de carácter zoonótico, que pasan das persoas aos animais e dos animais á persoa.
Teñen peticións para distintos departamentos do Goberno central, que lle trasladaron ao subdelegado. Así, por exemplo, piden tamén ao Ministerio de Sanidade a creación de prazas de Formación Sanitaria Especializada para Veterinarios.
Ademais, fan extensivas as súas demandas a outras administracións, como a Xunta de Galicia, pois na comunidade hai un decreto de funcións de fai 34 anos, do ano 1991, que non se adapta á situación actual dos veterinarios.
Á Xunta tamén lle bota en cara que, exercendo as súas competencias, Galicia é "a única comunidade autónoma española onde a vacinación de rabia non é obrigatoria". Até hai pouco tampouco era obrigatoria en Cataluña, pero alí xa se iniciou o procedemento, que está en fase de alegacións.
"Galicia quedou á cola", critican, e engade Luís Núñez que "xa non é cuestión política, porque hai comunidades do PP, hai comunidades do PSOE, todos entenderon que a loita contra a rabia é algo que nos compete a todos".