Moraña entrega medicamentos a domicilio e imprime material escolar para os nenos

Umia
01 de abril 2020

Dentro das actuacións de protección e axuda á poboación na loita contra o coronavirus, o Concello ordenou tamén unha nova desinfección e limpeza dos puntos estratéxicos do municipio, que chegará a todo o casco urbano de Santa Lucía e á rede de contedores de lixo

Desinfección de espazos públicos en Moraña Concello de Moraña

A través dun grupo de voluntarios, o Concello de Moraña comezou a distribuír polos domicilios os lotes de medicinas da farmacia do hospital que foron solicitados por cidadáns a través do departamento de Servizos Sociais.

En principio, está previsto que este servizo se manteña para atender a aqueles veciños que non se poden desprazar e para resolver posibles problemas de desabastecemento de certos medicamentos.

Desde o Concello, ademais, tamén se puxo en marcha un programa de apoio educativo para facilitar a impresión, e posterior entrega nas casas, de deberes e materiais escolares para que os cativos sigan coa súa formación no confinamento.

A medida está orientada ás familias que non teñen modo de facerse con eles.

Dentro das actuacións de protección e axuda á poboación na loita contra o coronavirus, o Concello ordenou tamén unha nova desinfección e limpeza dos puntos estratéxicos do municipio, que chegará a todo o casco urbano de Santa Lucía e á rede de contedores de lixo.

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, explicou que estas limpezas buscan minimizar os riscos de contaxio para contrarrestar o "lóxico tránsito" dos traballadores de actividades esenciais e dos veciños que saen a mercar produtos básicos.

"Queremos que o nivel de protección sexa o máximo posible na medida das nosas posibilidades", engadiu.

Por outra banda, e a través de Protección Civil artellouse unha iniciativa consistente na entrega de materiais elaborados por morañeses ao complexo hospitalario de Pontevedra. Así, levaron gran cantidade de máscaras, gorros e pantallas protectoras, moitas delas feitas por veciños.