Motores a todo gas e actos en Combarro para dinamizar o Nadal

Poio
17 de decembro 2025
Actualizado: 14:16

A Papanoelada Moteira da Rosa dos Ventos congregará a 350 persoas este domingo, mentres que a AC Leucoíña celebrará "Tardeboa" e "Tardevella" e un Mercado de Nadal

'Papanoelada' moteira de Poio Cristina Saiz

Este domingo, 21 de decembro, a tradición e a solidariedade uniranse na agardada Papanoelada Moteira de Poio, organizada pola Asociación A Rosa dos Ventos, que prevé reunir a preto de 350 participantes.

A Papanoelada Moteira, unha das citas ineludibles do Nadal na vila, dará comezo ás 17.00 horas dende A Reiboa, en San Xoán.

A caravana de Papanoeis sobre dúas rodas percorrerá todas as parroquias do municipio, facendo unha parada especial en Combarro, co obxectivo de contaxiar a maxia destas festas entre toda a veciñanza.

A xornada estará amenizada con música, lambetadas e animación, e culminará cunha degustación de callos e chocolatada para os participantes, ademais da entrega de trofeos e premios ás tres motocicletas mellor adornadas do evento.

Decoración de Nadal na Praza da Chousa en CombarroConcello de Poio

Paralelamente, a animación estenderase a Combarro coas novas propostas da AC Leucoíña. Por primeira vez, a Praza da Chousa acollerá a "Tardeboa" e a "Tardevella", os días 24 e 31 de decembro, respectivamente, a partir das 18.00 horas.

Estes "tardeos", pensados para todos os públicos, prometen moita animación na rúa e música en directo co DJ Arrow.

Dende a asociación convidan aos asistentes a vestir os seus mellores xerseis e accesorios de Nadal para contribuír ao ambiente festivo.

A oferta en Combarro complétase co Mercado de Nadal, tamén organizado por Leucoíña, que permanecerá aberto ata o 4 de xaneiro.

Neste espazo, os visitantes poderán atopar unha variada selección de postos con artesanía, decoración de Nadal e agasallos orixinais para estas datas.

O Mercado abrirá as fins de semana e festivos de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas, e os venres de 16.30 a 20.30 horas.

Arquivado en