Unha muller e un neno pequeno, ao hospital tras un accidente de tráfico na Avenida de Montecelo

Pontevedra
19 de maio 2025
Actualizado: 12:46

O sinistro produciuse sobre as 11:10 horas deste luns na Avenida de Montecelo, segundo informou a Policía Local de Pontevedra. A muller resultou ferida leve e o menor está en observación

Accidente de tráfico na Avenida de Montecelo Policía Local de Pontevedra

Un accidente con até catro vehículos implicados causou que unha muller, a condutora dun destes coches, e un neno pequeno haxan tido que ser trasladados ao hospital.

O sinistro produciuse sobre as 11:10 horas deste luns na Avenida de Montecelo, segundo informou a Policía Local de Pontevedra.

Foi unha colisión múltiple preto da rotonda que une este viario coa Avenida de Lugo.

Nun dos coches implicados viaxaban catro ocupantes, tres adultos e un neno pequeno.

Despois de que os servizos de emerxencias atendesen ás vítimas, a condutora do coche foi derivada ao hospital Quironsalud Miguel Domínguez.

Pola súa banda, o menor foi trasladado por precaución ao Hospital Provincial para ser sometido a un recoñecemento médico.