Mulleres en Igualdade reclama o CIM de Ponte Caldelas como un dereito para as vítimas da violencia machista

Ponte Caldelas
10 de xullo 2018

O colectivo que representa a mulleres de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e A Lama reacciona cun comunicado á decisión do goberno local de Andrés Díaz a non solicitar unha subvención para o Centro de Información á Muller

Centro urbano de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas foi o único concello de toda a provincia de Pontevedra que non solicitou a axuda á Secretaría  Xeral de  Igualdade para cubrir os gastos do servizo dos Centros de Información á Muller (CIM). Desde a Xunta lamentaban esta decisión cando entre o persoal do Concello de Ponte Caldelas  hai  dúas  profesionais "traballando e dando atención psicolóxica e asesoría xurídica".

Desde as colectivo Mulleres en  Igualdade de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas quixeron dar un toque de atención ao goberno tripartito de Ponte Caldelas e reclaman o funcionamento do CIM neste municipio para garantir que todas as mulleres que son vítimas da violencia teñan garantidos os seus dereitos. 

"Non podemos nin queremos permitir que se obvien eses dereitos, que se utilice a nosa figura para actos onde se lavan as mans persoas que non senten a nosa dor cando unha muller é asasinada", explican nun documento. E sinalan que a obrigación do colectivo é defender o CIM e traballar para garantir que todas aquelas mulleres que sofren, teñan dentro desas siglas o seu espazo de protección.