O Museo tamén é para o Entroido: acolle obradoiros para nenas e nenos de 7 a 12 anos

Pontevedra
02 de febreiro 2026

A Deputación abre o mércores o prazo para inscribirse nas actividades. Os participantes crearán os seus retratos iluminados, inspirándose na exposición sobre fotografía do século XIX

Obradoiro infantil no Museo de Pontevedra

Durante o Entroido, o Museo de Pontevedra converterase en lugar de diversión e conciliación

A Deputación Provincial organiza dous obradoiros dirixidos a nenas e nenos de 7 a 12 anos, con 15 prazas cada un.

A actividade organizarase en dúas quendas: unha o martes 17 de febreiro e outra o mércores 18, ambos días de 11:30 a 13:30 horas.

prazo de inscrición abrirá este mércores 3 de febreiro, ás 10:00 horas, a través da web museo.depo.gal.

O obxectivo é que as nenas e nenos coñezan as orixes da fotografía e contemplen a cidade decimonónica a través da exposición 'Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’.

A actividade incluirá unha visita á exposición, onde as e os participantes terán que atopar nas fotografías aqueles elementos construtivos que desapareceron da nosa paisaxe urbana e as transformacións que se aprecian na actualidade. 

Tras unha breve explicación sobre a orixe da fotografía e da súa base na pintura, farase un retrato na liña dos que aparecen nas miniaturas (poses, vestimentas, adornos etc.).

A actividade rematará decorando o retrato cun marco ou cun estoxo, simulando os daguerrotipos da época.