Nin un metro sen nenos no novo parque de Campolongo

Pontevedra
15 de febreiro 2019

A festa infantil de inauguración do novo parque infantil de Campolongo excedeu este venres todas as previsións. Centos de pequenos acudiron a dar a benvida ao novo recinto animados polo cóctel de xogos instalados e o 'extra' deste venres: música, animación infantil e pequeno aperitivo

Festa de inauguración do parque infantil de Campolongo Mónica Patxot

A festa infantil de inauguración do novo parque infantil de Campolongo excedeu este venres todas as previsións e desbordou de nenos durante toda a tarde o recentemente estreado recinto. Centos de pequenos acudiron ao chamamento realizado polo Concello de Pontevedra para celebrar polo grande a posta en funcionamento do novo equipamento. 

Á diversión xa garantida polas randeeiras, as zonas de rubir, a tirolesa ou a gran torre de sete metros con tobogáns instalados no novo parque sumáronse este venres outros elementos que garantían entretemento: música e animación infantil

Se o cóctel de xogos non era suficiente para animar a tarde, a festa incluíu un pequeno aperitivo que animou aínda máis a asistencia. Plátanos e mandarinas; bocadillos de xamón e queixo, xamón ou chourizo; patacas fritas; flocos de millo; e auga e zumes completaban un menú que se acabou en cuestión que minutos dado o éxito de asistentes.

O novo parque, no que se investiron máis de 272.000 euros, ocupa un espazo duns 1.000 metros cadrados no que na tarde deste venres resultaba complicado atopar un metro sen nenos ou adultos que os acompañasen sobre o céspede artificial ou desde detrás dos valos que o delimitan. Sen espazo libre quedou tamén a zona de estancia para familiares e coidadores, na que resulta difícil atopar un banco ou mesa dispoñible.

O cheo foi total tanto na zona pensada para os nenos de máis idade como na enfocada para os menores de seis anos, na que puideron gozar de randeeiras básicas de berce e inclusivos, xogos combinados, un carrusel con capacidade para cadeiras de rodas, un trampolín, un xogo de peirao con dous postos, dous teléfonos ou un carreiro de texturas.