Non poderá haber máis de sesenta persoas ao mesmo tempo na praza de abastos

Pontevedra
25 de marzo 2020

Haberá novas restricións na praza de abastos de Pontevedra. O departamento de Promoción económica, co visto e prace da Xunta de Galicia, acordou extremar as precaucións ante a situación de emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus

Mercado de abastos de Pontevedra Cristina Saiz

Haberá novas restricións na praza de abastos de Pontevedra. O departamento de Promoción económica, co visto e prace da Xunta de Galicia, acordou extremar as precaucións ante a situación de emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus.

Así, por exemplo, entre estas medidas extraordinarias destaca que o acceso ao mercado estará restrinxido e non poderá haber nas súas instalacións máis de sesenta persoas ao mesmo tempo. Esta afluencia estará controlada a diario por un vixiante de seguridade.

Os clientes terán que gardar ademais unha distancia de seguridade de dous metros entre eles e todos os vendedores deberán usar obrigatoriamente luvas de protección.

Por todo o mercado haberá carteis informativos para lembrar aos usuarios e aos clientes a necesidade de adoptar as medidas de hixiene e precaución que recomendan as autoridades.

A estreiteza dos corredores de mercado impedirá, iso si, que se estableza unha distancia dun metro, como noutros establecementos de alimentos, entre o cliente e o posto.

Colocar unha cinta diante de cada posto dificultaría en exceso, segundo os técnicos municipais, o paso dos clientes polo mercado.