"Non somos limpadoras de segunda": ata 600 euros de diferenza salarial pese a facer o mesmo traballo e coa mesma contrata

Pontevedra
08 de decembro 2025

As empregadas aseguran cobrar entre 360 e máis de 600 euros menos ao mes que compañeiras doutros centros incluídos no mesmo contrato público, e reclaman á Xunta que garanta a igualdade salarial

Unha representación do persoal de limpeza do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra (ao fondo)

O persoal do servizo de limpeza do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra denuncia publicamente unha diferenza salarial que cualifica de "inxusta, ilegal e insostible" con respecto ás persoas empregadas para a limpeza doutras sedes públicas pola mesma empresa adxudicataria.

As afectadas (o servizo está cuberto por unha maioría de mulleres, con só tres homes no cadro de persoal) aseguran que, pese a realizaren "exactamente o mesmo traballo, co mesmo horario e pertencendo ao mesmo contrato público", perciben entre 360 e 420 euros menos ao mes que os seus compañeiros doutros centros da mesma licitación, como a limpeza do Edificio Administrativo de San Caetano (Santiago de Compostela), puidendo superar os 600 euros de fenda salarial nos casos de maior antigüidade.

O colectivo, formado por dezasete persoas empregadas en Pontevedra, decidiu facer público o caso tras meses de reclamacións sen solución. "Levamos gastado o pouco diñeiro que nos queda en avogados. Algunhas compañeiras superan xa os mil euros este ano en gastos xudiciais. Non podemos máis", explica Patricia Rey, portavoz das traballadoras e limpadora con vinte anos de antigüidade na administración autonómica.

"Hai compañeiras que teñen máis antigüidade, desde 1996, 1994 ou 1989", aclara. No Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra a maioría leva traballando desde que se inaugurou en 2009.

A diferenza retributiva, denuncian, vulnera a lexislación en materia de contratos públicos, que obriga á execución homoxénea e á igualdade salarial para o persoal incluído no mesmo contrato financiado con fondos públicos. "Non somos limpadoras de segunda. Pertencemos ao mesmo Lote 1, facemos as mesmas funcións e debemos cobrar o mesmo salario", afirma Rey.

Unha representación do persoal de limpeza do Edificio Administrativo da Xunta en PontevedraCristina Saiz

Segundo relata, mentres en Pontevedra o salario neto ronda os 1.100 euros, "hai nóminas de Santiago que chegan aos 1.500 ou 1.600 euros netos".

Continúa explicando que desde a apertura do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra, hai dezaseis anos, o servizo de limpeza pasou por varias empresas: primeiro, Grupo Norte, logo Clece —que, segundo lembran as traballadoras, "foi cando empezaron os problemas"— e finalmente Samaín Servizos á Comunidade, a actual contrata, que pertencente ao mesmo grupo empresarial que Clece, indican as mesmas fontes.

Dende entón, aseguran vivir unha perda progresiva de dereitos e unha negativa sistemática da contrata a aplicar melloras pactadas noutros centros. "Cando en Santiago se conseguiu a equiparación salarial a principios de ano, pensamos que sería cuestión de tempo que se aplicase no resto das provincias. Pero atopamos un non rotundo", lamenta a portavoz.

A vía sindical tampouco lles ofreceu unha solución clara. "O tema está moi dividido. En Santiago souberon resolvelo, pero aquí obrígannos a demandas individuais", explica Rey, que apunta que cada procedemento pode custarlles "uns 500 euros".

As reclamacións que están a presentar teñen que ver, en gran medida, con cuestións de conciliación e outras condicións adicionais que a propia empresa ofrecera como melloras para gañar o contrato público, pero que, segundo denuncia o persoal, "na realidade a empresa non as aplica e témolas que reclamar sempre vía judicial".

Unha representación do persoal de limpeza do Edificio Administrativo da Xunta en PontevedraCristina Saiz

A empresa adxudicataria do servizo de limpeza, engaden, conta "cun equipo xurídico moi potente" que está provocando unha maior presión ás limpadoras que denuncian. Poñen o exemplo da reclamación de dúas xornadas de vacacións, en que a contrata recorreu o caso ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e posteriormente ao Tribunal Supremo.

As traballadoras aseguran que a contrata incumpre compromisos incluídos na oferta presentada ao concurso, polo que piden a intervención da Xunta como entidade contratante. Insisten en que esta situación é insostible para "unhas simples traballadoras da limpeza" e que evidencia a necesidade de que a administración autonómica garanta que as melloras prometidas e pagadas con fondos públicos se cumpran realmente.

 "A Xunta ten que velar porque os seus cartos se repartan dunha forma homoxénea. É o que di o contrato, e é a súa responsabilidade garantir que se cumpra", insisten.

Co obxectivo de visibilizar a súa situación, o grupo de limpadoras abriu unha petición cidadá de apoio en change.org baixo o título Equiparar salarios das traballadoras de limpeza en Pontevedra. A campaña solicita á Xunta a revisión inmediata dos pregos e do reparto económico do contrato que, segundo subliñan, non establece contías distintas por cidade, senón un lote único que debe aplicarse de forma equitativa.

As afectadas aseguran que dispoñen de documentación, nóminas comparativas e sentenzas que acreditan a súa denuncia, e ofrecen á administración autonómica colaboración total para esclarecer o caso. "Sabemos que levantar a voz pode traer represalias, pero a nosa dignidade é máis forte ca o medo", conclúe Rey.