Nova 'planta' para máis de corenta quilómetros de vías urbanas e rurais de Pontevedra

Pontevedra
16 de xuño 2026

Os traballos, ademais da mellora da capa de rodaxe destas vías, incluirán medidas de acougado de tráfico ou a renovación de toda a sinalización horizontal e vertical

Traballos de asfaltado na Rúa Doce de Novembro

Polo barrio de Eduardo Pondal, concretamente pola Rúa Doce de Novembro, comezaron os traballos de reposición de firmes das vías urbanas, rurais e industriais de todo o termo municipal de Pontevedra.

No marco deste "macrocontrato", que se reparten EC Casas e COVSA por máis de 4,4 millóns de euros, asfaltaranse 40 quilómetros lineais de vías, segundo destacou este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Nunha visita aos traballos que se están desenvolvendo en Doce de Novembro, Fernández Lores, sostivo que se trata da actuación "máis ambiciosa" que o goberno municipal executou xamais para rehabilitar os firmes en todo o concello.

Así, actuarase sobre unha superficie superior aos 191.000 metros cadrados, "equivalentes a uns 28 campos de fútbol", engadiu o rexedor pontevedrés.

Os traballos, indicou o alcalde, "non se limitarán a botar aglomerado", xa que ademais da mellora da capa de rodaxe incluirán medidas de acougado de tráfico ou a renovación de toda a sinalización horizontal e vertical.

Traballos de asfaltado na Rúa Doce de NovembroConcello de Pontevedra

A actuación arrancou no tramo entre Eduardo Pondal e a Rúa das Hortas e seguirá, de maneira sucesiva por vías como José Malvar e o ámbito da ponte dos Tirantes.

Antes das Festas da Peregrina, traballarán, entre outras zonas, nas avenidas de Bos Aires, Uruguai e Corvaceiras, Cobián Roffignac ou a Praza de Galicia.

Xa tras o verán, este despregamento continuará por Alameda, Avenida de Vigo, San Pedro Alcántara, Monteleón, Pedro Mariño de Lobeira, Celestino Poza, Uxío Novoneira, gran parte das rúas do barrio da Parda, Monte Porreiro, O Burgo ou Estribela.

De forma paralela, os traballos iranse executando no rural, comezando desde o próximo 25 de xuño nas parroquias de Campañó e Salcedo; ou nos parques empresariais de O Campiño e O Vao.

Nestes dous polígonos a previsión é renovar o 100% da superficie rodada.

O prazo estimado para completar todas as actuacións é de catro meses e medio, sempre condicionado á evolución meteorolóxica, xa que o asfaltado en quente require que non chova nin faga baixas temperaturas.

Todos estes traballos coordínanse diariamente coa Policía Local para minimizar o impacto na cidadanía, regulando os peches e afeccións na mobilidade.

Traballos de asfaltado na Rúa Doce de NovembroConcello de Pontevedra