Algo máis de 1,6 millóns de euros investirá a Xunta de Galicia na construción dunha nova senda peonil e ciclista entre Tarrío e Arén, en Poio, polo trazado da estrada PO-303.
O itinerario desta senda, que irá pola marxe esquerda da estrada dando continuidade ás beirarrúas existentes, terá 1,2 quilómetros de lonxitude.
A senda, segundo destacou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na súa presentación, ten un "carácter transformador".
Ademais de reforzar a seguridade viaria entre estes dous núcleos de poboación, o proxecto facilitará tamén comunicar os principais focos de atracción da zona, entre eles a praia de Covelo, os roteiros dos muíños ou a igrexa de Santa María.
Así, o obxectivo desta intervención é favorecer desprazamentos máis cómodos e seguros, tanto a pé como en bicicleta, para a veciñanza e para os visitantes desta contorna.
A senda contará, sempre que sexa posible, cunha franxa axardinada de separación coa calzada e, máis alá da execución do propio itinerario, incluirá a creación dunha zona de estacionamento e dunha parada de autobús fronte á igrexa de Samieira.
Tamén se acometerá unha rede de drenaxe, reforzarase a iluminación e colocarase sinalización como complemento a toda esta actuación.
O Diario Oficial de Galicia publicará o próximo martes 24 de marzo o proxecto, tras o que haberá algo máis dun mes para a presentación de achegas e suxestións.
Martínez Allegue sinalou que os técnicos continuará avanzando na súa tramitación co obxectivo de aprobar definitivamente o proxecto, licitar as obras e iniciar a súa execución.
Esta actuación, cofinanciada con fondos europeos FEDER, é impulsada pola Xunta ao abeiro do Plan de Sendas de Galicia.
A conselleira recordou que no marco deste plan, que busca o impulso da rede de itinerarios seguros no municipio, desde o verán pasado xa está en servizo a senda na estrada PO-308, entre Fontenla e Combarro.