Un home de 81 anos de idade, que se atopaba ingresado no Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, é a última vítima de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés. Segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde contaba con enfermidades previas no seu historial clínico.
O falecemento deste home eleva a 48 o número de mortos nesta área sanitaria e súmase a outros oito que se producían noutros puntos de Galicia durante as últimas 24 horas.
Dous homes, de 94 e 79 anos, falecían no Complexo Hospitalario de Santiago; catro mulleres con idades de 83, 86, 85 e 81 anos falecían no Complexo Hospitalario da Coruña. Ademais unha muller de 91 anos perdía a vida no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, tras ingresar procedente da Residencia asistida Meixoeiro. Tamén se producía unha morte no Hospital de Valdeorras. Neste último caso tratábase dunha muller de 91 anos que procedía da Residencia de Viana do Bolo. Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade en todos estes casos existían patoloxías previas nos seus cadros clínicos.
Con estes últimos falecementos, a cifra de persoas que perderon a vida en Galicia desde o inicio da pandemia sitúase en 1.146 pacientes.