O goberno municipal quere acelerar ao máximo os prazos para devolver o gastroespazo do mercado de abastos de Pontevedra ao seu máximo esplendor.
O obxectivo desta "reactivación inmediata", segundo a edil responsable da área de mercados, Anabel Gulías, é que os novos postos poidan abrir este mesmo verán.
Así, tras acometer unha serie de melloras estruturais e de illamento térmico, o Concello puxo en marcha un proceso público para ocupar doce das casetas.
Serán destinadas, en concreto, a nove postos e a un bar.
O resto das casetas, indicou a concelleira, non se adxudicarán polo momento porque, para facelo, "necesitariamos facer máis obras estructurais", o que atrasaría o proceso.
As persoas que exploten estes espazos deberán pagar un canon máximo anual de 357,72 euros e unha taxa que oscilará entre os 30 e os 60 euros anuais.
A fórmula elixida para a repartición dos postos será a autorización, xa que segundo Gulías trátase dunha figura "moito máis flexible" que a concesión administrativa.
Os postos, por tanto, entregaranse por un ano, renovable por outro máis.
A intención para esta 'segunda vida' do gastromercado é avanzar cara a un sistema máis estable, que incluirá o nomeamento dunha xerencia externa que o coordine.
Pero a concelleira de promoción económica indicou que, para evitar máis demoras, o executivo municipal optou por priorizar estas autorizacións directas.
Os aspirantes deberán presentar unha memoria comercial e acreditar a súa solvencia técnica e económica, sendo suficiente con mostrar relación co sector nos últimos tres anos.
Os novos espazos poderán destinarse a diversas actividades relacionadas coa gastronomía ou o sector primario, como comidas do mundo, venda de sementes ou distribución de produtos polo miúdo.
Os interesados terán un prazo de trinta días para presentar os seus proxectos, a partir da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, algo que ocorrerá nuns días.
DÚAS CASETAS PARA A HOSTALARÍA LOCAL
A maiores deste proceso administrativo, Anabel Gulías avanzou que, debido ao gran éxito das recentes actividades de dinamización, como a experiencia do Icewolf, o Concello tomou a decisión de reservar dúas casetas para a hostalaría local.
A intención é que bares e restaurantes da cidade poidan dispor en exclusiva destes dous espazos e, previa solicitude de uso, poidan promocionarse, diversificar a súa liña de negocio ou realizar diferentes experimentos gastronómicos.
Estas dúas casetas contan con cociña e con todo o equipamento necesario.
Con este "híbrido perfecto", como o definiu Gulías, entre novos emprendedores e os negocios locais xa consagrados, o Concello aspira a que o mercado de abastos se afiance definitivamente como epicentro gastronómico e cultural da cidade.
"PARCHE SEN AMBICIÓN" PARA O PP
Tras o anuncio realizado polo goberno municipal, o portavoz do PP, Rafa Domínguez, lamentou que este plan sexa un "parche sen ambición".
"Lores deixou morrer este espazo"; sinalou Domínguez, que censura que só se contemple cubrir dez das vinte e oito prazas vacantes.
Para os populares "isto non solucionada nada" e supón seguir avanzando na "falta de xestión e de proxecto" que envolve ao gastromercado.
Este espazo, segundo o PP, necesita unha revitalización "real, ambiciosa e con visión de futuro".