Un novo acceso cara ao campus, prioridade na humanización da Avenida de Compostela

Pontevedra
13 de xaneiro 2026

A humanización da Avenida de Compostela non será inmediata, pero xa empeza a debuxar un futuro no que o campus deixe de ser unha illa e a vella N-550 se transforme nunha avenida máis amable

Vista aérea do campus de Pontevedra na Xunqueira e da avenida de Compostela Universidade de Vigo

A Avenida de Compostela volve colocarse no centro do debate urbanístico de Pontevedra. Non como unha simple estrada, senón como unha oportunidade para redeseñar unha das zonas máis estratéxicas da cidade como é o campus universitario e a súa contorna.

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, avanzou este martes algunhas pinceladas dun proxecto que mira lonxe no tempo, pero que empeza a tomar forma sobre o asfalto da antiga N-550.

Son 3,22 quilómetros entre Pasarón e a PO-225, en Touceda, na parroquia de Alba, un tramo que o Ministerio de Transportes cedeu o ano pasado ao Concello e que agora se expón "humanizar".

O obxectivo prioritario é abrir o campus ao resto da cidade. "Permeabilizar o campus é o máis urxente", insistiu, lembrando que a zona foi concibida no seu día como un polígono industrial, cunha única entrada por Celso Emilio Ferreiro.

Entre as ideas que xa circulan pola mesa técnica figura a creación dun novo acceso rodado cara á Xunqueira, posiblemente mediante unha rotonda, para aliviar ese funil de entrada e saída que hoxe limita tanto a vehículos como a peóns.

Aínda que o proxecto é ambicioso e de longo percorrido, o Concello confía en que as primeiras obras poidan arrancar o próximo ano. O punto de partida estaría no tramo inicial da avenida, entre a rotonda de Pasarón e Médico Ballina. Un estudo técnico, xa encargado, marcará tanto o alcance das actuacións como o seu calendario.

Ese informe tamén porá o foco nun dos puntos negros da zona como é a travesía Francisco Asorey.

Trátase dun paso estreito, de apenas 30 metros de longo e 2,5 de ancho, que discorre baixo a N-550 e que, segundo os técnicos municipais, presenta unhas condicións "pésimas" para os peóns ao estar sen beirarrúas, sen beiravías e sen iluminación. Mosquera foi aínda máis contundente ao cualificalo directamente de "desastre".

A boa nova, desde o punto de vista urbanístico, é que este viario non figura no PXOM nin ten rasante fixada. "Iso dá marxe para eliminar ese tugurio ou amplialo moitísimo e facer algo decente", sinalou o concelleiro. A opción que gana máis peso, por agora, é a súa eliminación total.

Non todo é tan sinxelo baixo terra. O estudo da N-550 advirte dunha limitación importante derivada dunha canalización de auga que abastece aos concellos da ría que discorre por un dos noiros próximos ao campus. Calquera intervención deberá ter en conta esta importante infraestrutura.

Máis aló de accesos e tubaxes, o plan municipal busca mellorar a seguridade viaria e a mobilidade en xeral.

Nese paquete de medidas inclúese a retirada da pasarela metálica que actualmente conecta a contorna do estadio de Pasarón coa Xunqueira, un elemento que desaparecerá para dar paso a solucións máis integradas e accesibles.

A humanización da Avenida de Compostela non será inmediata, pero xa empeza a debuxar un futuro no que o campus deixe de ser unha illa e a vella N-550 se transforme nunha avenida máis amable para a cidade.