O alcalde referiuse á "ocupación" por parte dun grupo de traballadores de Ence e do secretario de organización de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa do terceiro piso do Concello de Pontevedra onde se atopa a Alcaldía e os despachos do equipo de goberno culpando da tensión vivida ao portavoz do Partido Popular en Pontevedra, Rafa Domínguez e ao presidente do Grupo Ence, Ignacio de Colmenares e Brunet.
"Un bo rato, o señor Domínguez estivo presente no hall da Alcaldía arengando a esas persoas que a ocuparon", dixo o alcalde. "Non viñan concentrarse no Concello, senón que viñan directamente a agredir verbalmente e mesmo fisicamente ás persoas que alí estabamos", afirmou Lores.
O alcalde tivo que saír do seu despacho protexido pola Policía Local entre insultos e empuxóns dos traballadores da fábrica de celulosas. Xunto ao alcalde abandonaron as oficinas do Concello outros concelleiros que tamén foron increpados.
A tensión mantívose na saída do aparcamento da Praza de España, onde os manifestantes repetiron os seus insultos e tentaron abordar os vehículos do rexedor e dos edís, bloqueándolles o paso e chegando a golpear a algún dos coches.
"Eu nalgún momento tiven medo pola miña integridade física", confesou o alcalde que deu as grazas aos axentes da Policía Local pola súa actuación protectora.
Fernández Lores compareceu esta tarde en rolda de prensa acompañado polo tenente de alcalde, Tino Fernández e a concelleira Anabel Gulías e asegurou que "esa ocupación fíxose por parte de persoas enviadas pola empresa, o señor Colmenares, e tamén polo Partido Popular".
O alcalde destacou que "Pontevedra é unha cidade tranquila, dinámica e referente a nivel internacional desde o punto de vista do medio ambiente pero desgraciadamente temos dúas eivas moi importantes". Segundo enumerou Fernández Lores, a primeira é "a empresa Ence situada no medio da ría" e que utilizou desde a súa implantación "a violencia, a chantaxe e absolutamente todo tipo de extorsións e coaccións".
En segundo lugar, Fernández Lores citou ao Partido Popular e ao presidente do Grupo Ence, Ignacio de Colmenares "que están a utilizar ameazas e violencia contra o Concello de Pontevedra". Nunha mensaxe dirixida a eles, o alcalde dixo "que están profundamente equivocados, que a súa actitude o que fai é reforzar a nosa posición".
"Imos seguir loitando por conseguir unha Pontevedra cada vez máis referente internacional e por recuperar a ría", engadiu o rexedor da capital convencido de que "é o que demanda unha gran maioría de pontevedreses".
Por último, Fernández Lores incidiu en que "estamos seguros de que se o Partido Popular e Colmenares dan as ordes pertinentes estes espectáculos bochornosos que non corresponden a esta cidade de Pontevedra rematan inmediatamente".
Pola súa banda, o tenente de alcalde Tino Fernández valorou estes os feitos ocorridos este xoves como algo "absolutamente inadmisible nun país democrático" que se "tente secuestrar" a un grupo de goberno por parte de "eses supostos traballadores".
Tino Fernández indicou que este tipo de accións "non son froito da improvisación" senón que "isto é unha manobra, polo menos, consentida pola empresa cando non alentada" e sinalou a Comisións Obreiras "como un sindicato que se converteu en absolutamente amarelo e perigoso mesmo para os dereitos e as reivindicacións dos traballadores".
"Nós estamos preocupados polos seus postos de traballo" dixo o tenente de alcalde nunha mensaxe dirixida aos traballadores da empresa Ence "pero tamén teñen que saber que non imos ceder a ningún tipo de chantaxe nin de ameaza. Temos unha postura moi clara no grupo de Goberno e esa é a que imos manter".
Finalmente Tino Fernández reiterou que "coma se van a conseguir as cousas é dialogando, sentándose, falando, e por suposto defendendo o que consideren oportuno por leitos democráticos" sinalando a forma de "facer as cousas ben" que ten o outro comité de empresa de Ence que este xoves reuniuse co secretario de Estado de Medio Ambiente.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.