O Banco de Alimentos necesita 1.200 voluntarios para a Gran Recollida Solidaria de novembro

Pontevedra
22 de outubro 2014

O Banco de Alimentos afronta un novo reto para superarse: a nova edición da Gran Recollida Solidaria, prevista para os días 28 e 29 de novembro

Banco de Alimentos da provincia de Pontevedra Banco de Alimentos

O Banco de Alimentos afronta un novo reto para superarse: a nova edición da Gran Recollida Solidaria, prevista para os días 28 e 29 de novembro. Unha acción que este ano non se cinguirá unicamente á cidade de Vigo senón que como, fundación provincial, se estenderá a outros puntos da provincia, como Pontevedra onde conta xa con sede propia.

Para poder levar a cabo a iniciativa solidaria, este martes o seu presidente, Pedro Pereira, presentou o pilar fundamental das accións do Banco de Alimentos: a campaña de captación de voluntarios.

Como era de esperar, e tendo en conta os novos puntos de recollida, a chamada se duplica con respecto a 2013. Así as cousas, o Banco de Alimentos necesita 1.200 voluntarios, vitais todos eles para levar a cabo a recollida solidaria de 2014.

Pereira explicou que, coa experiencia do ano paso, e grazas ás redes sociais, ao termo do período estival, dende o Banco de Alimentos comezaron un traballo de captación "que hoxe se plasma nunha gran campaña, sobre todo para as localidades que sumamos a esta edición". Ademais, e para garantir a correcta atención das persoas interesadas en colaborar, a Fundación Provincial do Banco de Alimentos acaba de poñer en funcionamento unha nova central con dúas liñas dedicadas a este fin e sempre canalizadas a través o mesmo número: 986 263 022.

A mediados de novembro, os voluntarios recibirán unha pequena formación de cara aos días da recollida e sobre todo, tratando de guiar as persoas que participan por primeira vez.

O presidente da ONG fixo fincapé tamén na participación dos nenos (maiores de 12 anos), que poderán colaborar en compañía dun adulto. "ÿ moi importante inculcar este tipo de valores nos máis pequenos, que vexan que a solidariedade cos que menos teñen realmente existe," afirmou Pereira.

Durante os días 28 e 29 de novembro, os voluntarios realizarán quendas de catro horas aproximadamente entre as 9:00 e as 22:00 horas dependendo dos horarios de cada centro.

A mediados de novembro está prevista a presentación oficial da Gran Recollida Solidaria de 2014, que nesta ocasión contará cun rostro "moi coñecido por todos" e que terá un carácter "non tanto local senón a nivel Galicia". Tamén se coñecerá o obxectivo final de recollida, así como o número de establecementos participantes, que superarán o centenar.

Pedro Pereira fixo un último chamamento a que os cidadáns se poñan en contacto coa Fundación Provincial do Banco de Alimentos a través das redes sociais, Facebook e Twitter, para colaborar e interactuar con eles.