Este martes celebrábase a final do VIII Campionato de Sumillería Suso Domínguez no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza e ata alí desprazábase Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.
O representante da Xunta afirmaba que este centro é un exemplo da calidade do ensino de FP que se imparte en Galicia, neste caso en canto á formación no terreo da restauración. O conselleiro felicitaba os premiados e a todos os participantes nun certame que contou con todos os centros que forman parte da rede de hostalería de Galicia, ademais de centros de Asturias, Euskai e Portugal.
A edición do certame deste ano, que se organiza en homenaxe ao profesor falecido e xefe de estudos Suso Domínguez, contou tamén co apoio dos tres consellos reguladores da sidra, o asturiano, vasco e galego.
Rodríguez centrou a súa intervención na importancia deste tipo de iniciativas para facer visible a calidade formativa do alumnado que finaliza os seus estudos nestes centros de FP para conectalos co mundo empresarial. Lembrou as altas cifras de inserción laboral dos centros de Formación Profesional en Galicia cn un 85% de media, porcentaxe que na modalidade dual elévase ata case o 97%, segundo os datos da Consellería.
Actualmente no CIFP Carlos Oroza están matriculados un total de 345 estudantes. Conta con dous ciclos de FP Dual: de cociña e gastronomía; e de xestión de aloxamentos turísticos; ademais dun curso de especialización en panadería e bolería artesanal.
Tamén se imparten ciclos medios de cociña e gastronomía; de panadería, repostería e confetería; e de se servizos en restauración; hai ciclos superiores de dirección de cociña; de dirección de servizos de restauración; guía información e asistencia turísticas e xestión de aloxamentos turísticos; ademais dun ciclo básico de cociña e restauración.