O comité de empresa da fábrica de ENCE apura as vías de negociación para evitar un peche inminente

Pontevedra
19 de xullo 2021

Este luns representantes do persoal mantiveron unha concentración na Subdelegación do Goberno e agardan que a subdelegada Maica Larriba os reciba este martes. Tamén teñen previsto manter unha xuntanza coa dirección da empresa a finais desta semana e proporán a organización dunha manifestación nunha asemblea de traballadores

Concentración do comité de empresa da fábrica de Ence para demandar unha nova Mesa de traballo

Representantes do comité de empresa de Ence achegábanse este luns ata a Subdelegación do Goberno en Pontevedra coa intención de manter un encontro coa subdelegada Maica Larriba e reclamar unha nova reunión da Mesa de traballo sobre o futuro da fábrica pasteira en Lourizán. 

Este encontro, en principio, quedou aprazado para este martes porque a representante do Goberno central en Pontevedra non estaba na Subdelegación, segundo manifestaba Pablo Bacariza, secretario do comité, que recoñecía que o persoal da fábrica permanece "nervioso e preocupado", despois de que se fixese pública a sentenza por parte da Audiencia Nacional na que anula a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy no ano 2016 para que a factoría permanecese na ría pontevedresa máis aló do ano 2018 cando finalizaba a concesión para utilizar os terreos públicos marítimo-terrestres.

Bacariza recoñece que o fallo xudicial sitúa á fábrica no "peor escenario posible" e deixa o persoal nun estado de "incerteza". Por este motivo, tentan apurar os seus movementos para que se produza unha nova convocatoria por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica para que se reúnan todas as partes e busquen solucións para manter o emprego da empresa pasteira.

"Non queremos que se adopte ningún tipo de decisión políticos ou empresarial que poida poñer en perigo os postos de traballo", indica o representante dos traballadores que teme que, unha vez que a Audiencia Nacional declarou ilegal a prórroga, o Goberno central ou a propia empresa adopten decisións que supoñan o peche inminente da fábrica situada en Lourizán.

Está previsto que a finais da semana manteñan un encontro coa dirección da empresa, que continúa analizando a sentenza para presentar o recurso #ante o Tribunal Supremo. Ademais, o comité ten previsto organizar unha asemblea con todo o persoal de traballadores para someter a votación a convocatoria dunha manifestación en defensa dos postos de traballo

Bacariza tamén considera positivas as palabras do vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, que demanda ao Goberno do Estado información para que se concreten os fondos europeos que se poderían destinar ao proxecto dunha nova fábrica de Ence en Galicia.

O representante sindical entende que isto supón un cambio de postura por parte da Xunta e que pode resultar "positivo" para alcanzar acordos que permitan garantir o futuro laboral.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en