O Comité Executivo da Cámara de Comercio declara no xulgado por un delito contra a Administración de Xustiza

Pontevedra
20 de maio 2014

O fiscal pediu a declaración como imputados de todas as persoas que aquel 26 de decembro de 2012 se reuniron e acordaron o despedimento, isto é, todos os membros do Comité Executivo que acudiron á reunión; o ex presidente da Cámara, Antonio Gómez Rivera (agora xubilado); e a secretaria xeral, Charo Lorenzo


 

Comité executivo da Cámara de Comercio de Pontevedra de outubro de 2012 PontevedraViva

Varios membros do Comité Executivo da Cámara de Comercio de Pontevedra declararon este martes en calidade de imputados ante o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra por un presunto delito contra a Administración de Xustiza, coaccións e ameazas pola súa decisión do 26 de decembro de 2012 pola que despediron tres traballadores.

Esta declaración responde á querela que impulsou o fiscal xefe da Audiencia de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, pola posible vinculación deses despedimentos coas denuncias previas que realizaron os tres ex traballadores e outros dous empregados que seguen traballando no ente polas presuntas irregularidades na xestión da Cámara.

O fiscal pediu a declaración como imputados de todas as persoas que aquel 26 de decembro de 2012 se reuniron e acordaron o despedimento, isto é, todos os membros do Comité Executivo que acudiron á reunión; o ex presidente da Cámara, Antonio Gómez Rivera (agora xubilado); e a secretaria xeral, Rosario Lorenzo.

Gómez Rivera e Rosario Lorenzo xa declararon como imputados en abril de 2013 e os tres traballadores despedidos xa pasaron tamén polo xulgado en calidade de testemuñas, pero non saíra á luz ningunha novidade máis en relación co proceso xudicial nin co resto de imputados.

Este martes fontes xudiciais sinalaron que se produciran novas declaracións e o propio fiscal xefe confirmou que pasaron polo despacho da xuíza todos os imputados agás dous. Non transcendeu o contido da súa declaración.

O 28 de decembro de 2012, isto é, dous dìas despois daquela reunión, os tres traballadores foron despedidos alegando a Cámara razóns económicas e organizativas. Os tres e outros dous tiñan presentado varias denuncias previas que propiciaron que o fiscal de Delitos Económicos, Augusto Santaló, abrise dilixencias polas irregularidades e por un posible delito de negociacións prohibidas a funcionarios no que está imputada Charo Lorenzo.

Tras o despedimento, en xaneiro de 2013, estes traballadores denunciaron ante a Fiscalía que entendían que rompera o seu contrato por represalias polas denuncias e que as causas destes despedimentos non eran obxectivas. Tras tomarlles declaración, Juan Carlos Aladro decidiu abrir un novo procedemento polo citado delito contra a Administración de Xustiza polo que este martes prestaron declaración.