O Pleno da Corporación Municipal de Cerdedo-Cotobade aprobou este xoves os orzamentos municipais para o ano 2022, cos votos dos concelleiros do Partido Popular. O BNG abstívose e o PSdeG-PSOE votou en contra.
As contas municipais para este ano acadan os 4.229.715 euros dos cales o 33,21% vai destinado a Servizos Sociais acadando uns 245,72 euros por habitante.
O Goberno local asegura que e un orzamento "equilibrado, realista e que atende as necesidades da veciñanza".
No capítulo de investimentos consígnase inicialmente un importe de 908.246 euros, que supón o 21,47 % doorzamento e que permitirá facer a aportación municipal para a execución do proxecto de construción dunha residencia e centro de día da terceira idade en Carballedo (756.766,86 euros dos casi 4 millóns que custa a construción), un parque infantil, a reforma da Casa Consistorial, a adquisición dun proxector e a creación dunha aplicación informática, así como realización da acometida das obras de rehabilitación de edificio para catro vivendas na parroquia de Carballedo.
O Goberno local agarda captar investimentos a maiores por valor de 6 millóns máis.
Este ano os orzamentos municipais contan cuns 200.000 euros máis con respecto aos do exercicio anterior por unha maior aportación do Estado en función do aumento da poboación o que, segundo o alcalde Jorge Cubela, "é motivo de satisfacción polo que supón de freno ao proceso de despoboación e pola confianza que a veciñanza ten no noso concello para vivir e facer os seus investimentos de vida", indicou.
O alcalde subliñou que esta administración local ten "débeda cero" e súas contas totalmente saneadas e con autusuficiencia económica.
O alcalde considera "incomprensible" o voto en contra do PSdeG-PSOE e a abstención do BNG a estes orzamentos "que avanzan pola senda do equilibrio orzamentario, a estabilidade e que non descuidan en ningún momento a protección social da nosa veciñanza".
Pola súa banda, o PSOE expresou o seu malestar porque o Goberno local non contestou as preguntas e interpelacións que lle fixo a portavoz do PSdeG-PSOE, Lina Garrido, na súa quenda de intervencións e tampouco se deu explicacións a porque este documento se presenta a 31 de marzo, cando ten que estar aprobado antes do 31 de decembro do ano anterior.
Ademáis sinalaron que na elaboración destas contas municipais non se contou coa oposición "e non se reflicten a maioría das previsións de inversión que se teñen pensado facer no exercicio", como é o caso da estrada de Almofrei.
Tamén o portavoz do BNG, Ernesto Filgueira criticou a "actitude oportunista" do alcalde ao presentar os orzamentos tarde, sen ter celebrada unha Xunta de Voceiros municipais na que consensuar as contas e sen que a oposición puidese presentar propostas coas que negociar o orzamento municipal.
Ernesto Filgueira instou a Jorge Cubela a "volver á senda da negociación e ao respecto polas propostas e o traballo da oposición" e a que "centre o eixe das súas responsabilidades na veciñanza de Cerdedo-Cotobade".
PARQUES EÓLICOS, HADO E ARQUIVO AUDIOVISUAL
Por outra banda, aprobouse por unanimidade de toda a Corporación Municipal unha moción do BNG de rexeitamento á instalación do parque eólico de Porto Vidros e do Campo das Rosas polo lesivos que resultan para os intereses dos veciños de Cerdedo-Cotobade e dos lugares afectados pola súa implantación.
Tamén foi aprobada por unanimidade unha moción do Partido Socialista pola que o Concello instará á Xunta de Galicia a aumentar o persoal do servizo HADO (Hospitalización a Domicilio) que en este momento conta con 3 equipos para a toda a área sanitaria Pontevedra-Salnés, os mesmos que había fai 20 anos, polo que existen moitos puntos sen cobertura. O concello de Cerdedo-Cotobade non está cuberto na súa totalidade.
O PSdeG-PSOE tamén propuxo a posta en marcha de un arquivo audiovisual en formato físico e dixital coa colaboración da veciñanza, dos medios de comunicación, dos colexios, instituto, agrupacións culturais ou comunidades de montes. Esta moción tamén foi aprobada.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.