O Concello e a Xunta reuniranse este martes para falar do colexio de Barcelos

Pontevedra
15 de xaneiro 2024

A reunión foi programada pola Xunta logo dos danos causados neste colexio por mor da construción dun edificio lindeiro

Obras no terreo lindeiro co Colexio Praza de Barcelos Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra informou que o edil de Educación, Demetrio Gómez, asistirá este martes, 16 de xaneiro, á reunión programada pola Xunta de Galicia para tratar o estado actual do CEIP Praza de Barcelos, logo dos danos causados neste centro educativo por mor da construción dun edificio lindeiro.

Está xuntanza chega logo de que a administración local lle solicitase unha reunión técnica á Consellería de Educación para abordar este problema e solventar as necesidades que puidesen ser detectadas.

Outro dos asuntos que abordarán neste encontro é "clarificar as obras que lle corresponden a cada administración".

A Xunta e o Concello de Pontevedra comparten competencias no mantemento e conservación das edificacións dos centros de ensino. Gómez xa adiantou no seu momento que "sempre existirá a colaboración máxima por parte do Concello" á hora de solventar problemas no eido educativo e nos seus centros.