O Consello de Contas detecta irregularidades da Cámara de Comercio na xestión de Pomovil e Ferpalia

Pontevedra
24 de marzo 2015

A xestión dos eventos feirais Ferpalia e Pomovil, que a Cámara deixou de organizar no ano 2012, estivo marcada durante os anos 2010 y 2011 por unha serie de anomalías tanto na adxudicación dos contratos de organización coma na súa execución e na xustificación dos gastos e o pagamento das facturas.

Edificio do Consello de Contas en Santiago

A xestión dos eventos feirais Ferpalia e Pomovil, que a Cámara de Comercio de Pontevedra deixou de organizar no ano 2012, estivo marcada durante polo menos dous anos por unha serie de irregularidades tanto na adxudicación dos contratos de organización coma na súa execución e na xustificación dos gastos e o pagamento das facturas.

Así o constatou o Consello de Contas no seu informe de fiscalización correspondente aos anos 2010 e 2011, no que se fai eco de situacións que xa están a ser investigadas pola Fiscalía Provincial de Pontevedra nos tres procesos xudiciais abertas sobre o funcionamento do ente cameral.

O informe constata, entre outras cuestións, que os contratos de servizos adxudicados pola Cámara para a organización de Ferpalia e Pomovil, os servizos de axencia de viaxes e de promotor de negocios de Brasil se adxudicaron directamente á mesma empresa nos dous anos fiscalizados a pesar de que o valor estimado deses contratos requiría tramitalos a través dun procedemento aberto. Desta forma, o Consello de Contas sostén que "non se garantiron os principios de publicidade, concorrencia, transparencia e igualdade" esixibles.

En canto á execución dos contratos, o órgano fiscalizador detectou irregularidades que impediron verificar o cumprimento das prestacións contratadas e que "cuestionan a veracidade do gasto efectivamente realizado". Durante os dous anos citados, utilizouse a práctica recorrente de reducir o gasto inicialmente facturado pola empresa mediante a emisión de facturas rectificadoras que non cumprían cos requisitos esixidos polo regulamento de facturación. A pesar de que se solicitou á secretaria da Cámara, Rosario Lorenzo, documentación que acreditase o motivo desa rectificación, "non se facilitou ningunha información".

Constatan anomalías que "cuestionan a veracidade do gasto efectivamente realizado"

Segundo sostine o informe, esas anomalías detectadas afectaron ao cumprimento da normativa de subvencións, xa que a organización desas feiras tiñan financiamento tanto do Concello de Pontevedra coma da Deputación Provincial e non consta que se comunicase a ambas as dúas entidades a diminución do gasto facturado inicialmente.

Ao respecto, o informe advirte de que a Cámara non comunicou ao Concello a existencia de documentación que evidencia a diminución da contía de gastos xustificados e dos pagamentos realizados. Esas reducións do gasto, cuxa causa non resultou acreditada, terían que ter producido unha diminución das contas sufragadas pola Administración local.

As irregularidades constatadas en ambos os dous eventos tamén existen na tesouraría do ente cameral. Así, advirte de que non se formalizan actas de arqueo nin sequera ao final de cada exercicio, práctica que impide que se poidan acreditar os fondos existentes na caixa nunha data determinada. Ademais, detectan discrepancias entre os saldos contables e bancarios que non foron xustificadas e diferenzas entre o importe dos asentos contables e a cifra resultante do programa de recadación das que non se deu explicación nin xustificación.

Outro ámbito no que alerta de anomalías é a xestión dos gastos que se realizan en desprazamentos tanto dentro de Galicia como ao estranxeiro. Así, a Cámara non realiza ningún control respecto á verificación das viaxes nin esixe a xustificación económica dos gastos producidos. Nalgúns casos, a documentación xustificativa achegada "non resulta suficiente para acreditar a realidade dos desprazamentos e a efectividade dos gastos producidos".