O cribado feito en Marín revela trece casos positivos de covid 19

Marín
01 de marzo 2021

Finalmente, achegáronse a efectuar o cribado un total de 8.538 cidadáns, cifra que representa unha porcentaxe do 67 por cento da convocatoria voluntaria

Cribado en Marín Consellería de Sanidade

Os cribados poboacionais con test de saliva efectuados durante a pasada semana no Concello de Marín pola área sanitaria de Pontevedra e O Salnés detectaron un total de trece casos positivos de Covid 19.

Este cribado voluntario tivo lugar nun punto específico habilitado no aparcamento entre a Escola Naval e o Porto marinense entre os pasados martes 23 e sábado 27 de febreiro.

Á dita iniciativa preventiva a administración sanitaria pública galega convocou, gradualmente e vía SMS telefónico, á poboación de Marín de entre 30 a 65 anos de idade con tarxeta sanitaria activa nos centros de saúde deste Concello, colectivo que nesta localidade acada as 12.763 persoas .

Finalmente, achegáronse a efectuar o cribado, entregando as súas mostras de saliva, un total de 8.538 cidadáns, cifra que representa unha porcentaxe do 67 por cento da convocatoria voluntaria.

Para levar a cabo dito cribado, a área sanitaria contou entre os pasados martes 23 e sábado 27 de febreiro no aparcamento entre a Escola Naval e o Porto de Marín cun cadro de 14 profesionais, coordinados por un médico, que realizaron tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, entrega de tubos para as mostras de saliva e información aos usuarios. A totalidade das mostras tomadas no Concello de Marín procesáronse no servizo de Microbioloxía da área sanitaria de Vigo.

Tanto aos 13 positivos por covid detectados nos cribados de Marín coma a outros 53 casos aos que non se lles pudo procesar a mostra -por volume insuficiente, por viscosidade excesiva ou por ser mostras sen rexistro- se lles vai citar de novo na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés para realizar unha PCR para confirmar resultados.