O empresario acusado de agredir o voceiro do BNG en Caldas, a xuízo

Umia
14 de xuño 2021

O empresario sospeitoso da agresión sentará no banco dos acusados do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número 1 da localidade este martes. Manuel Fariña vincula a agresión coa súa denuncia de verteduras ilegais de entullos no monte de Saiar e avisa: "non me van amedrentar nin con ameazas nin con agresións"

Manuel Fariña, portavoz do BNG en Caldas de Reis Mónica Patxot

A agresión sufrida en marzo de 2020 por Manuel Fariña, portavoz do BNG en Caldas de Reis, chegará a xuízo esta semana. O empresario sospeitoso da agresión sentará no banco dos acusados do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número 1 da localidade este martes. 

A información deuna a coñecer a propia vítima, Manuel Fariña, que indicou que o xuízo está previsto para as 13.00 horas deste martes 15 de xuño

Fariña xa avisou: "non me van amedrentar nin con ameazas nin con agresións". Ademais, reafirmou que ten "un compromiso adquirido" cos seus veciños e veciñas de Caldas para "traballar por un concello mellor"  e iso levarao a seguir denunciando "cantas agresións sufra o noso medio ambiente", ata que as administracións competentes "deixen de facer ouvidos xordos e mirar cara outro lado e afronten con decisión o problema".

O concelleiro foi agredido despois de denunciar verteduras ilegais de entullos nun monte de Saiar e vincula o ataque do empresario acusado con esta denuncia co seu papel na "defensa do medio ambiente e dos intereses dos veciños e veciñas de Caldas". 

Así, segundo a información facilitada por no seu día polo BNG, o empresario presuntamente responsable das verteduras foino buscar á casa para ensinarlle a zona do monte na que se realizaron as verteduras. 

A agresión produciuse no propio monte o 5 de marzo de 2020. Unha vez que Manuel Fariña constatou que a vertedura seguía, o outro home alporizouse, empezou unha discusión que foi subindo de ton e finalmente deulle unha puñada e tirouno ao chan.

Despois da agresión, o agredido alertou a unha ambulancia, que o trasladou ao Hospital Montecelo para ser atendido. Presenta danos nun nocello e feridas nas costas