O Ministerio de Educación outorgou un importante premio ao IES Luís Seoane de Pontevedra.
O instituto de Monte Porreiro foi galardoado co Premio Nacional Convivencia Escolar, polo seu proxecto 'Aprender a convivir no marco dunha escola asociada á UNESCO. Un proxecto colectivo'.
"As actividades que levamos a cabo desde 1997 como escola asociada á UNESCO ficeron posible ese recoñecemento. Parabéns a nais, pais, persoal non docente e sobre todo a ese alumnado que ano tras ano nos permite traballar innovando nunha educación integral", sinalaron desde o centro educativo ao dar a coñecer a noticia.
O IES Luís Seoane recibirá unha recompensa económica de 10.000 euros, pero sobre todo volve ver apoiada a súa aposta por un modelo educativo transformador e que fomenta a convivencia entre todos os seus alumnos independentemente da súa orixe, relixión ou orientación sexual.