O local Centro Sur en Campolongo xa acolle as actividades das asociacións do sur da cidade

Pontevedra
22 de abril 2015

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou acompañado por varios concelleiros o edificio situado nas antigas instalacións da Once e que será empregado por máis dunha decena de colectivos

Visita do alcalde ao Local Centro Sur Mónica Patxot

Varios colectivos sociais do sur da cidade xa ocupan o local coñecido como Centro Sur, un edificio situado nas antigas instalacións da Once, que acolle máis dunha decena de colectivos.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou o inmoble reformado durante este mércores 22 acompañado polos concelleiros Carmen Fouces, Luis Bará e Demetrio Gómez. Á cita tamén acudiron representantes dalgunhas das asociacións que contan xa cun local no centro.

A Asociación Estrigueiras, Salcedo Norte, Amigos de Campolongo, a Sociedade Polifónica de Pontevedra, a coral do centro de Terceira Idade de Campolongo, Sociedade Antropolóxica Galega, o IGADI e o Fondo Galego de Cooperación Internacional dispoñen de espazos para o desenvolvemento das súas actividades tanto na planta baixa coma no soto. Pero ademais, está previsto que as asociacións do ámbito da discapacidade Juan XXIII, Amizade, Amencer e Xuntos tamén conten cunha situación nas plantas superiores cando se poidan acometer as obras, pendentes de licenza, segundo apuntou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces.

O espazo conta cunha ampla sala multiúsos na que se instalaron dúas mesas de billar. Nela, o alcalde dirixiuse aos asistentes chanceando para indicarlles que estes centros buscan "que a xente se relacione e que cante ben" e engadiu que se levou a cabo un proceso complicado porque o inmoble se encontraba en malas condicións. Mesmo catro veciños de Amigos de Campolongo foron os encargados de instalar o chan antideslizante da sala multiúsos realizando os traballos ao longo dunha semana. Este cuarto, que conta con diversos ventanais, será destinada a charlas, reunións e a diversas actividades sociais. "Que xurdan moitos matrimonios reais e de conveniencia", comentou Fernández Lores ao referirse ao desfrute que espera que os usuarios obteñan das instalacións.

A zona visualmente máis atractiva atópase no museo da Sociedade Polifónica de Pontevedra situado no soto onde antes se atopaba a sala de planchado da Once. Alí se atopan dende retratos realizados por Laxeiro a un órgano da marca Gebrüder Link, pasando por fotografías dedicadas de Isabel de Borbón, dos reis Juan Carlos I e Sofía ou do actual monarca Felipe VI cando era Príncipe de Asturias.

O alcalde indicou que coa apertura do local do Burgo se completará a Rede de Centros Sociais do municipio.