O parque infantil de Médico Ballina vai tomando forma

Pontevedra
10 de maio 2020

As obras de construción do parque infantil de Médico Ballina entraron na súa recta final. Tras o formigonado dos muros perimetrais e a explanación dos terreos, os operarios que están a executar estes traballos colocaron xa gran parte dos elementos de xogo

Obras do parque infantil de Médico Ballina PontevedraViva

As obras de construción do parque infantil de Médico Ballina entraron na súa recta final. Tras o formigonado dos muros perimetrais e a explanación dos terreos, os operarios que están a executar estes traballos colocaron xa gran parte dos elementos de xogo.

O obxectivo da firma Bricantel España, responsable desta obra, prevé terminalo nas próximas semanas.

Neste parque, que ten unha extensión de 1.198 metros cadrados e sitúase nunha parcela cedida polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, invístense 157.520 euros.

A actuación contempla a creación dunha zona de estancia destinada aos acompañantes dos nenos no acceso ao parque e doutra traseira para os diversos xogos infantís.

A zona de xogos contará cun pavimento amortecedor (formado por céspede artificial e placas de entre 35 e 90 milímetros de grosor) e unha ampla variedade de elementos.

Entre eles, haberá unha tirolesa, un pórtico de randeeiras con dúas cadeiras planas, unha randeeira con forma de cesto, dous equipos combinados a maneira de xincana, paneis lúdicos para xogar ao tres e ao catro en raia, un labirinto inclusivo e varias randeeiras con resortes.

A zona de descanso dispoñerá de catro bancos, tres papeleiras, unha mesa de de ping-pong, dúas mesas con taboleiros para xogos de mesa de xadrez e parchís e bancos incorporados, tres papeleiras e fontes de auga adaptadas a persoas con mobilidade reducida.