O pavillón de Tenorio estrea un mural contra a violencia machista

Cerdedo Cotobade
02 de setembro 2020

A obra da artista Iria Prol forma parte do programa da  Deputación "Mulleres en Acción. Violencia Zero" para combater este mal a través da expresión artística en diversos municipios da provincia

Presentación do mural contra a violencia machista no exterior do pavillón de Tenorio

"Chaves para as túas gaiolas" é o título do mural que a artista Iria Prol pintou no exterior do pavillón de Tenorio, no concello de Cerdedo-Cotobade.

Promovida pola Deputación, a obra mostra a unha serie de mulleres que, cos seus corpos, forman unha pirámide que simboliza a ruptura coa sociedade machista. Ademais, as figuras están rodeadas de libros, como símbolo da educación; e portan chaves coas que abrir as gaiolas do machismo.

"A educación é a chave para a igualdade", declarou na presentación do mural a titular deste departamento no goberno provincial, Vitoria Alonso. Na súa intervención, a socialista expuxo tamén a finalidade do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", un proxecto que funciona como arma de visibilización para promover unha sociedade igualitaria, sen discriminación non violencia.

En representación do goberno local estivo o tenente de alcalde, Fernando Corbacho, quen mostrou a súa satisfacción por acoller esta obra e abriu as portas do Concello a outras accións que axuden a acabar con esta lacra.

A de Tenorio é a décimo sétima intervención da quinta edición deste programa que inclúe accións relacionadas coa pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía ou a performance que se desenvolven en diferentes municipios da provincia e sempre coa loita contra a violencia machista como pano de fondo.