O PP analiza a ordenanza de mobilidade con colectivos ciclistas, asociacións profesionais e usuarios de VPM

Pontevedra
12 de agosto 2020

O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, e o concelleiro Pablo Fernández, abriron estas reunións cun encontro co presidente de Amizade, Paulo Fontán. Critican o "desinterese" do  Concello á hora de incluír unha limitación temporal para o uso das prazas de estacionamento reservados a persoas con mobilidade reducida  

Rafa Domínguez, Pablo Fernández e Paulo Fontán

O PP de Pontevedra abriu este mércores unha serie de encontros con axentes sociais, colectivos ciclistas, asociacións profesionais e usuarios de vehículos de mobilidade persoal (VMP) para abordar a nova Ordenanza de  Mobilidade e Utilización dos Espazos Públicos do  Concello de Pontevedra elaborada polo Goberno municipal e que irá ao próximo Pleno da Corporación coa idea de que entre en vigor en outubro.

O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, e o concelleiro Pablo Fernández, abriron estas reunións cun encontro co presidente de Amizade, Paulo Fontán, para abordar o apartado da ordenanza relativo ás persoas con discapacidade. Este colectivo xa denunciou que a nova ordenanza discrimina as personas con mobilidade reducida.

Neste ámbito, critican o "desinterese" do  Concello á hora de incluír unha limitación temporal para o uso das prazas de estacionamento reservadas a persoas con mobilidade reducida e cren que esta situación non vai "en consonancia cun modelo de cidade que di promulgar coa accesibilidade".

O PP considera que se trata dunha ordenanza "discriminatoria" e que non se tivo en conta aos colectivos afectados e critica que a forma de traballar do BNG e do PSOE é "impoñer sen escoitar". 

"É unha pena que un proceso que debería ser de participación social non se conte coa cidadanía", lamentan os concelleiros do PP, que aseguran que toda alegación presentada foi desatendida. 

Ademais, cuestionan que esta ordenanza non é sostible e penaliza os transportes responsables co medio ambiente. Así, Pablo Fernández mantén que se Pontevedra non conta cunha infraestrutura ciclista, "agora restrínxese aínda máis a utilización deste medio de transporte". 

Domínguez e Fernández xa avanzaron que esta ordenanza ten que cambiar moito para ter o seu apoio no Pleno.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora