O PP concreta o seu propio proxecto de 'skatepark' para 12 de novembro

Pontevedra
03 de febreiro 2016

Todos miran á nova pasarela da rúa 12 de novembro como o lugar idóneo para instalar un skatepark. Un día despois de que o Concello de Pontevedra anunciase que estudará habilitar un espazo para a práctica deste deporte nestes terreos que cederá ADIF ao concello, o Partido Popular presentou a proposta na que leva traballando varias semanas xunto aos 'skaters' da cidade

Presentación do proxecto do PP para o skatepark de 12 de novembro
Presentación do proxecto do PP para o skatepark de 12 de novembro / PontevedraViva

Todos miran á nova pasarela da rúa 12 de novembro como o lugar idóneo para instalar un skatepark.

Un día despois de que o Concello de Pontevedra anunciase que estudará habilitar un espazo para a práctica deste deporte nestes terreos que cederá ADIF ao concello, o Partido Popular presentou a proposta na que leva traballando varias semanas xunto aos 'skaters' da cidade.

Este proxecto, que impulsan os membros de Novas Xeracións, implicará habilitar unha gran praza pública construída sobre cemento e na que se colocarían os diferentes elementos e mobiliario urbano que permita aos mozos practicar ese deporte.

Sería fundamental, segundo Seila Varela e Guillermo Juncal -presidenta e coordinador das mocidades populares en Pontevedra- que o proxecto fose supervisado por especialistas nesta materia, xa que a diferenza dun milímetro nas ramplas ou pequenas variacións nos ángulos de curvatura "podería facer que o parque queda inservible".

Rexeitan, ademais, que as instalacións poidan ser desmontables.

Para o PP, na construción deste skatepark habería que investir entre 200.000 e 300.000 euros.

En todo caso, os populares agardan que tras varios "compromisos incumpridos" por parte do Concello, que xa anunciaron proxectos similares en Mollabao ou Domingo Fontán, desta vez vaia a vencida.