O PP lamenta o "tempo perdido" en Ponte Sampaio pola "desidia" do goberno local

Pontevedra
25 de xaneiro 2017

O portavoz popular acompañou este mércores á xefa territorial de Costas na reunión que mantivo cos veciños de Ponte Sampaio

A xefa territorial de Costas fala cos presidentes do club de fútbol Unión Sampaio e da asociación de veciños Héroes de Ponte Sampaio PP de Pontevedra

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, acompañou este mércores á xefa territorial de Costas, Cristina Paz-Curbera, á reunión que mantivo co presidente do club de fútbol Unión Sampaio e o presidente da asociación de veciños Héroes de Ponte Sampaio. Alí, o edil popular lamentou os "catro anos perdidos" pola "desidia do goberno local".

Hai uns días o grupo socialista presentou unha proposta para que o goberno local asuma a mellora integral do campo de fútbol pero os populares lembran que "os problemas destes veciños podían terse solucionados dende o ano 2013", cando a formación que encabeza Jacobo Moreira presentou outra moción instando ao goberno local, daquela conformado polo BNG e o PSOE, a iniciar os trámites para a desafectación do recinto deportivo e da praza da Xunqueira. Devandita moción que foi rexeitada por nacionalistas e socialistas.

"Hai catro anos, o BNG dicía que o campo de fútbol na súa actual localización non podía estar, agora din que si. Un cambio de criterio que traducimos como unha tomadura de pelo e unha perda de tempo", destacou o portavoz dos populares quen lembra que "a mellora do campo de fútbol é xa unha vella reivindicación veciñal que o BNG esqueceu no tempo".

Lembran que no momento no que o goberno local solicitase a desafectación dos terreos, xa se podía levar a cabo unha actuación provisional para mellorar o lamentable estado do campo de fútbol, pero "perdéronse catro anos, e os únicos prexudicados das idas e vindas de BNG e PSOE son os veciños de Ponte Sampaio", manifestou Jacobo Moreira.

O portavoz popular insiste, "o campo de fútbol precisa unha mellora urxente. O BNG non pode seguir mareando aos veciños", sentenciou.