O PP pide que o Concello deixe de cobrar a plusvalía nas "vendas a perda"

Pontevedra
19 de xullo 2017

As recentes sentenzas do Tribunal Constitucional, que anulan varios artigos da normativa fiscal con respecto ao imposto de plusvalías, deben levar ao Goberno do Estado a modificar a lexislación. Pero mentres non o fagan, sinala o PP, os concellos que cobran este tributo -entre eles o de Pontevedra- deberían tomar medidas

Jacobo Moreira e o deputado do PPdeG José González PontevedraViva

As recentes sentenzas do Tribunal Constitucional, que anulan varios artigos da normativa fiscal con respecto ao imposto de plusvalías, deben levar ao Goberno do Estado a modificar a lexislación. Pero mentres non o fagan, sinala o PP, os concellos que cobran este tributo -entre eles o de Pontevedra- deberían tomar medidas.

Así, Jacobo Moreira esixiu ao goberno municipal a posta en marcha de mecanismos que permitan informar e proceder á devolución das plusvalías cobradas aos veciños de Pontevedra indebidamente. Serían a todos aqueles que, coa venda das súas propiedades, tiveron perdas patrimoniais en lugar de ganancias.

O portavoz do PP lamentou que o Concello non se interesase por saber o número de veciños do municipio que están afectados e desvelou que dende o ano 2013 se liquidaron 12.741 declaracións de plusvalía, "e previsiblemente un 50% podería estar afectado".

Moreira estivo acompañado polo deputado do PPdeG no Parlamento, José González, quen recordou que se debe actuar con urxencia posto que o dereito a percibir a plusvalía cobrada indebidamente extingue aos catro anos.

"Cando se vende un inmoble e se perde valor non se pode cobrar a plusvalía", resumiu González, técnico de Facenda de profesión, con respecto ás sentenzas xudiciais.

O deputado popular sinalou que son os concellos os que teñen que proceder á devolución deste imposto, polo que reclamoulles "que informen aos seus veciños, pois a devolución non se pode realizar de oficio, senón que debe realizarse a petición do contribuínte".

Mentres non se proceda á modificación da normativa para que non se volva a cobrar a plusvalía cando hai vendas a perda, os populares propoñen "que o Concello suspenda o cobro deste imposto cando quede acreditada a perda patrimonial".