O grupo provincial do Partido Popular reclamará este venres, no pleno da Deputación de Pontevedra, instar ao Goberno central para que actualice o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, e deste xeito, poder homologar as ensinanzas de canteiro e mestre de canteiro que se imparten na Escola de Cantería de Poio.
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, di que "non entendemos que problema hai para que PSOE apoie esta solicitude, non entendemos por que se negan a defender en Madrid os intereses do alumnado e mestres".
Jorge Cubela mantivo unha nova reunión con representantes da asociación de canteiros de Poio á que asistiron, tamén, os deputados nacionais Ana Pastor e Diego Gago, e o voceiro do PP local de Poio, Ángel Moldes.
Cubela recorda que quen ten as competencias para facelo é o Estado e, se a Deputación de Pontevedra é a titular da escola, "o lóxico e normal é que sexa a institución provincial a que comece as negociacións para que ese catálogo se actualice. Só fai falta vontade política para iniciar o proceso".
Por iso, os populares piden ao PSOE que deixen de utilizar a Escola de Cantería de Poio como "arma política" para "confrontar" coa Xunta de Galicia.
Ademais Manuel Sestelo presidente da Asociación de Canteiros de Poio denuncia a "competencia desleal" que, ao seu xuízo, existe na Escola xa que "funciona como un serradoiro de pedra no canto de como un centro de estudos". Asegura que "en pleno agosto os alumnos seguen traballando en encargos para os beneficios políticos da Deputación".