O PSOE de Marín cre que o plan de impulso ao comercio é "pouco ambicioso e moi desigual"

Marín
09 de maio 2020

Os socialistas afirman que "gastamos o dobre de cartos calquera ano nas Festas do Carme"

Para o PSOE de Marín os anuncios que se van facendo dende o Concello de Marín para axudar ao comercio e a hostalería local son "moi escasos". Ata o de agora, segundo os socialistas, o impacto económico das medidas anunciadas rolda os 130.000 euros sumando o que se destine este ano e o ano que ven.

Desta cantidade aproximadamente 70.000 euros serán en concepto de exención de pago de terrazas, "o cal orixina unha enorme desigualdade entre uns hostaleiros e outros".

O grupo municipal do PSOE cre que "esa desigualdade ten que ser corrixida con outras medidas porque todolos hostaleiros estiveron pechados e todos teñen gastos e perdas de ingresos".

Engaden que o pequeno comercio "é outro gran esquecido destas medidas de dinamización".

Por último, os socialistas queren que máis "implicación" por parte do goberno local e que teña en conta que "gastamos o dobre de cartos calquera ano nas Festas do Carme".